A presidenta de Ximiela empezou a subirse aos escenarios hai unha década
01 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Nunca é tarde para iniciarse nunha actividade. Sábeo ben Manela Pais. Ela entrou en contacto con Ximiela hai dúas décadas, cando o conxunto dependía da ANPA do colexio de Louro. Hai 16 anos colleu as rendas da entidade, facéndose cargo da presidencia, pero desde o 2004 forma parte do grupo de adultos que percorre os escenarios de dentro e de fóra de Barbanza espallando o baile folclórico, unha das principais expresións da cultura tradicional galega.
A paixón desta muradá vai máis alá do mero feito de subirse ás táboas esperando escoitar o aplauso do público: «A min do baile tradicional gústame todo; o que máis, deseñar e elaborar o vestiario, partindo de investigacións sobre os traxes tradicionais». Para levar a cabo esta e outras tarefas vinculadas coa xestión de Ximiela, Manela Pais péchase horas e horas no local que a entidade ten no colexio de Louro: «É a miña segunda casa desde hai 16 anos». Estas catro paredes constitúen un dos seus recunchos preferidos. Pero hai unha paraxe natural que ten namorada a esta folclórica. Trátase da praia de San Francisco: «É un sitio moi fermoso, a xoia do coroa de Louro, polo que paseo sempre que podo».
O local de ensaio de Ximiela cobrou máis protagonismo na vida de Pais nesta última década, cando ela e outras nais da gran familia de Ximiela decidiron montar un grupo de adultos. Ela comprobou en carne propia que esta actividade está ao alcance de todo o mundo: «O ritmo lévase dentro, pero calquera que ensaie pode bailar e facelo con soltura. Logo, como en todo, uns farano mellor ca outros».
Intres para a historia
Coa agrupación folclórica de Louro, Manela Pais viviu e segue a vivir moitos momentos difíciles de esquecer pero, se tivera que elixir algún, quedaríase con dous: «A gala que organizamos o ano pasado coincidindo co 25 aniversario do nacemento da entidade e a viaxe que se fixo a Estados Unidos para participar no desfile da Hispanidade».
Aínda que ela non puido atravesar o charco coa súa familia de Ximiela, Pais non dubida á hora de asegurar que esta viaxe a Nova York foi coma un soño feito realidade, sobre todo polo esforzo que supuxo reunir os fondos para sufragalo: «Con nós contactou unha xente de Muros que reside en Estados Unidos e as rapazas, claro está, ilusionáronse moito. O que ocorre é que as cousas non saíron como estaba previsto e tivemos que traballar un montón para pagar a viaxe, pero conseguímolo».
Na súa folla de ruta particular, esta muradá ten marcados en vermello outros dous destinos: Madrid e Xenebra. Ximiela pretende lanzarse á súa conquista o ano que ven, pero tamén para conseguilo, a agrupación precisa apelar á colaboración dos veciños: «Non podemos queixarnos, xa que o pobo se porta moi ben con nós, sempre estamos con rifas e calendarios, e sempre somos ben recibidos», destaca a presidenta.
Grupo en auxe
A boa acollida que ten o grupo en Muros ten tamén como consecuencia un incremento paulatino das dimensións desta gran familia que, na actualidade, supera xa os setenta integrantes. Manela Pais non dubida en afirmar que o baile tradicional en xeral e Ximiela en particular viven o seu momento máis doce: «O máis difícil é conseguir enganchar aos nenos pequenos para ter así unha canteira que asegure a continuidade da formación». Aínda así, asegura que a situación actual é moi boa: «A xente anímase, sobre todo porque ve que a traxectoria do grupo é ascendente».
Co apoio das súas compañeiras da directiva, Manela Pais quere seguir loitando para que Ximiela siga espallando a cultura tradicional a través do baile e da música, pero recoñece que tantos anos na presidencia da entidade e tantas horas de dedicación acaban cansando: «Levo xa unha tempada pedindo o relevo, pero semella que ninguén quere asumir o cargo». O que non permitirá é que o grupo polo que tanto traballou corra o risco de desaparecer.
manela pais