Da burbulla ó feísmo

Cando unha burbulla rebenta queda todo pringado. O mozo que ó final da coruñesa rúa Real fai burbullas de xabón para atraer a atención dos cativos, ben sabe o que é xogar con estas cousas e viste unha roupa de augas aínda a pleno sol para evitar as posibles consecuencias. De burbullas que explotan e pringan o espazo falan tanto os físicos como os banqueiros, os primeiros non saben en que vai acabar a expansión do universo, e os segundos o que non saben é como empaquetarlle as vivendas a medio facer a algún inocente, mentres as copisterías fan un cutre negocio á conta dos carteis de «Se vende»; e o caso é que esa proliferación carteleira tamén está nunha urbanización onde un amigo meu, que retornaba de USA para seguir a súa vida laboral no país, hai algo máis de cinco anos, quixo mercar un apartamento e os promotores aseguráronlle que os de cara o mar estaban todos vendidos, pero podía dar unha entrada e agardar polos que se ían facer en segunda liña, á sombra do amencer e do ocaso. Esas mesmas vivendas que non lle quixeron vender e agora un banco oferta a prezos de saldo pero ninguén quere, convertéronse nun almacén de escombros, e están rodeadas dunha estrutura de cemento abonada de cascallos onde, por arte de non se sabe que, acaba o lixo de toda a redonda e nace o ceboliño nas gretas do alicatado.

Contra a burbulla da construción todos tivemos algo que dicir, cando xa era grandiña e ninguén tiña a ousadía de acercarlle un simple alfinete, porque os bancos estaban ó que estaban e daban créditos coma quen regala caramelos, ata que houbo máis tellados ca habitantes, e agora, sen presuposto para tellas nin pintura, os ladrillos e as uralitas inundan a xeografía nacional salpicadas por columnas sen acabar e ferros coma pararraios retorcidos, paredes en ruína e alpendres de lixo que ninguén sabe como remediar.

Os gatos que outrora soñaban con percorrer o perímetro mariño sen baixar dos tellados, agora xa elaboraron unha certa técnica de salto acrobático para cruzar por estruturas inseguras, entrar por ocos invisibles e perseguir pardais sen niño mentres no parlamento se debate, sen poñer de acordo a ninguén, como, cando e quen ha de ordenar o chan.

Xa naqueles tempos de grandes promesas e cheques sen cor, se comentaba dalgún alcalde que recibía a modo de galano dos construtores unha manchea de cartos por cada piso que se vendese nas súas urbanizacións, á conta dunha lei do solo que permitía desgraciar a beiramar. Eran os tempos en que todos os concellos querían ordenar o territorio sen que ninguén se lles metese no medio, aconsellando: «Ti vai facendo, pero que non se decaten os outros». Eran tempos en que se facían fortunas desde as cadeiras adornadas co escudo municipal. Agora os alcaldes recoñecen que non lle saben impedir a un veciño que constrúa onde queira, pero tampouco queren que sexa o goberno da Xunta quen marque as pautas, estenda as licencias, multe ós infractores e poña orde no concello.

Da burbulla rebentada saen hogano as vergoñas de quen non as ten, xa sexa con tarxetas máis negras ca borralla, ou manipulando un resgate bancario para quen cobraba, vivía, disfrutaba, estafaba e se ría de todos en negro. Negro era traxe, negro o diñeiro e negra a conciencia, mentres os aforradores se encontraron roubados a documento armado, e os restos do que ía ser unha urbanización, fica tinxindo de gris e ocre a paisaxe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Da burbulla ó feísmo