¿Que é un santo?


Aínda que santo sexa sinónimo de boa persoa, non todos os santos son iguais, e aínda a máis non son poucos os que chegaron a tal categoría despois de levar unha vida de maleante ou de embaucador. Á fin ¿que é un santo?. Segundo Xulio, só unha especie de cacique a quen se lle fai algún regaliño e se adula para que interceda por nós diante dos de máis arriba, o que moitas veces pon en dúbida a función e valor de tales intercesores, porque de admitir un regaliño a cobrar comisión só hai un paso. Ata mi tía María, que non perde novena nin misa, me dicía o outro día que ela non cree que todos os do almanaque sexan santos, e que nel faltan moitos que o merecen tanto ou máis cós que están. Mi tía tiña o periódico aberto na páxina en que se daba noticia da morte do misioneiro leonés García Viejo por mor do ébola, e concluía que os santos que o son de verdade, por humildade, agochan a súa condición.

Tamén o amigo Xulio, sempre camiñando entre as dúas caras da moeda, trae ó parladoiro dos xoves o caso do recén ascendido á santidade Álvaro del Portillo, para comparalo co falecido médico e misioneiro leonés, dicindo do primeiro que lle deron unha condecoración polos servizos económicos prestado á Igrexa, e do segundo que poden pasar séculos sen que ninguén se lembre de que renunciou a unha vida chea de comodidades por entregarse profesionalmente ós máis necesitados. Ó primeiro venérano porque, segundo os seus seguidores, foi quen de mediar coa divindade para curar a un rapaciño de non sei que cousa, e o leonés chegou a entregar a súa vida tratando de salvar a dos demais fronte a unha enfermidade mortal de por si, mentres todos os deuses miraban para outro lado; porque ás multinacionais da medicina non lles é rendible fabricar nin investigar en fármacos contra as enfermidades dos países máis pobres e necesitados, e tamén porque os bancos vaticanos, enriquecidos coas dádivas dos seus devotos, non gastan un peso en tubos de ensaio. O primeiro chegou ó cume do ceo desde unha das máis elitistas, excluíntes e ricas congregacións que hai no seo da Igrexa, e o outro era un internista que renunciou a ter unha consulta privada ou a unha nómina de funcionario con galanos das empresas farmacéuticas por receitar isto e non aquilo, para se enfrontar ás peores enfermidades do mundo. E hoxe traio a este home a estas liñas, porque aínda sen saber moito da súa vida privada nin das peculiaridades da mesma, o certo é que por humanidade deixou as comodidades do primeiro mundo para poñer os seus coñecementos ó servizo dos demais, alí onde non hai nin agullas hipodérmicas. Padeceu da malaria por contacto coa mesma e por falta de medios para combatela, o que lle deixou secuelas de por vida, e que ó final agravaron aínda máis a de por si mortal enfermidade do ébola, sen presumir doutra cousa ca de curar de cando en vez, e cos seus poucos medios a algún paciente, de aminorar o sufrimento e consolar ós que sofren sen que ningún deus lle botase unha man.

Contaxiada dese mal reparto da santidade, antonte, mi tía María díxolle a unha veciña que lle veu pedir para san Fulaniño (cuxo nome real me reservo, por se as moscas), que prefería gastar os cartos deixándolle a compra feita a Rosa da Choupana, que non ten subsidio nin cartos para o aluguer, e a outra mirouna desconfiada: «Ti saberás, que san Fulaniño veo todo». E dime ela que llo dixo como se a estivese sinalando co dedo do «arrenégote demo».

Mi tía María consólase dicindo que se hai Deus o misioneiro leonés estará no ceo, e eu quítolle o condicional para asegurar que as persoas ben saben quen son os santos e quen non.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Tags

¿Que é un santo?