«Para cumprir cos seus obxectivos, Numax precisa dun empurrón»

RAQUEL EMBODAS / J.C. SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

cedida

A idea deste proxecto cultural comezou hai un ano e arrancará no 2015

09 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramiro Ledo, Irma Amado, Xosé Carlos Hidalgo, Pablo Cayuela e Margarita Ledo son os impulsores da iniciativa Numax, na que traballan dende hai uns meses co obxectivo de impulsar un local de 190 metros cadrados que abrirá as súas portas como cine na céntrica rúa Concepción Arenal -moi preto da Sala Capitol- a próxima primavera, cara ao mes de abril.

-¿Como xorde a idea?

-A idea xurdiu hai algo máis dun ano entre catro amigos que nos coñecemos dende hai moito tempo. Buscamos crear os nosos propios postos de traballo e cobrar segundo convenio. Cando pecharon os cines Valle Inclán quixemos crear outra vez unhas salas nas que se proxectasen películas en versión orixinal e que estivesen no centro da cidade.

-Defina o proxecto

-Numax nace coma unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, formada por catro socios procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural. Baixo esta forma legal xorde un proxecto que combina a apertura deste novo espazo de exhibición coa posta en marcha dunha libraría de literatura, arte e pensamento e, ademais, un laboratorio de produción de contidos gráficos e audiovisuais. A integración e cooperación entre estas tres áreas quere facer do seu novo local un lugar de encontro e intercambio de ideas e coñecemento para a cidadanía compostelá.

-Un asunto inevitable, ¿como é o proxecto económico de Numax?

-A cooperativa de servizos financeiros Coop57 achegará un préstamo cos 300.000 euros necesarios para construír, equipar e poñer en marcha o proxecto nacente, sempre e cando o grupo promotor consiga sumar, a través de avais persoais, entre 1.000 e 5.000 euros, e dicir, a totalidade do importe. Hoxe Numax conta co apoio de 113 avalistas. Grazas a todos eles, a cantidade avalada a comezos deste mes de setembro ascende xa a 225.000 euros. Pese a todo, para cumprir cos seus obxectivos, Numax precisa un empurrón máis e por iso inicia nestes días a recollida pública dos avais pola cantidade restante co fin de que en abril se poida inaugurar a sala.