«Aspiro a unha vida digna no rural»

Fina Ulloa
FINA ULLOA OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

MIGUEL VILLAR

Un técnico en turismo que se namorou das castañas

08 sep 2014 . Actualizado a las 15:57 h.

En apenas un ano a primeira colleita de castaña que pasou polo sequeiro tradicional que a firma Petelo ten na aldea de O Mato está esgotada. As tres presentacións nas que esta firma alaricana ofrece este froito colleitado nos concellos que forman parte da Reserva da Biosfera de Allariz acadaron unha boa resposta do público, non só a nivel local, senón en tendas de produtos selectos e gourmet doutras provincias como A Coruña ou Madrid. Pero para Ramiro José Quintana é só o principio dunha aventura empresarial na que o cultivo e a transformación deste froito é un primeiro paso dun proxecto que el quere unir tamén co turismo.

-¿Por que se lle ocorreu montar un negocio de castañas?

-Animoume meu pai, que lle da moito á cabeza e sempre estaba razoando por que aquí non lle sacabamos tanto proveito a este froito como en Francia, por exemplo. De feito a maioría da castaña galega acaba alí e despois nola devolven transformada. Eu teño que recoñecer que non tiña idea deste mundo. Tiven que aprender todo o relacionado co proceso, dende o sequeiro á selección pero tamén sobre a propia castaña: variedades, características, coidados dos castiñeiros, problemas... porque tamén fixen unha plantación propia nunha finca que tiña miña nai e estaba abandonada.

-¿Pensa que será una iniciativa rendible a curto prazo?

-Hai que ir pouco a pouco porque hai que facer un traballo tamén de mentalización para cambiar hábitos de consumo. Non é algo co que espere facerme rico e posiblemente vou traballar nos primeiros anos case por amor á arte. Pero creo no proxecto e teño ilusión e iso tamén vale.

-Pero a ilusión non da de comer.

-Se non fose optimista de cara ó futuro non me embarcaría nesto. Eu aspiro a ter unha vida digna no rural. Obviamente os principios son duros. Pensas que che vai chegar o que tes para investir pero despois topas con que todo son gastos e máis gastos e tes que andar a buscar cartos por tódolos lados. Eu estou convencido de que isto ten futuro. ¿Por que nos, tendo como temos un produto moi bo o relegamos a un consumo estacional, en fresco, durante un par de meses, cando podemos consumila ó longo de todo o ano? No mercado francés ou italiano o consumo tanto da castaña como de derivados é moito maior, aquí pode pasar o mesmo. Hai que cambiar a mentalidade.

-¿Como pensa conseguir ese cambio?

-A poucos. Nos produtos que vendemos, no etiquetado, temos incluída algunha receita, pero estamos traballando nun receitario para a páxina web que sirva para volver a motivar ese uso a través da innovación na cociña. Pero tamén penso que se pode unir co ámbito turístico, para dar a coñecer a castaña e o castiñeiro como se fai, por exemplo, nos viños; con rutas, con experiencias que se lle poden ofrecer ós visitantes.

-¿Foi como esperaba a venta da primeira produción?

-Estamos moi satisfeitos coa resposta. Esgotamos practicamente o que fixemos de pilonga. Dedicamos 1.500 quilos a esta modalidade, que unha vez secados, como o 60 % dese froito é auga, quedan nuns 600 quilos. Compramos a produtores locais que están dentro da Reserva da Biosfera de Allariz, nos concellos de Rairiz de Veiga, A Bola e Vilar de Santos, aparte do propio Allariz.

-¿Que ten mellor saída?

-A fariña, porque hai moita xente, afeccionados á cociña, que quere innovar facendo masas, salsas, pan, bechamel ou rebozados para darlle ese sabor especial que aporta este tipo de fariña e a diferenza da de trigo.

-¿Sente que é unha rara avis por apostar polo rural?

-O que hai no rural é unha vía de desenrolo, non é un atraso. Cando empecei había compañeiros quen se rían e me chamaban castañeiro, porque lle chocaba que me metese nunha actividade rural. Aínda está na mentalidade de moita xente nova que dedicarse ó monte ou ó rural é algo de pobres. E iso, darlle valor ó que temos e cambiar ese chip, está sobre todo nas mans da xente moza.

Xente emerxente Ramiro José Quintana González