Manuel Rivas reivindica un novo rexurdimento

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

MIGUEL VILLAR

O escritor coruñés recolleu onte o premio Celanova Casa dos Poetas

08 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Curros Enríquez marchou de Celanova, a súa terra natal, á Coruña, «onde foi coroado como poeta», recordaba onte o músico coruñés Xurxo Souto, que foi elixido por Manuel Rivas para ler a súa gabanza con motivo de recoller o premio Celanova Casa dos Poetas. O escritor coruñés, incidiu Souto, fixo onte o camiño contrario a Curros, é dicir, da «cidade tatuada na pétrea pel do mar» á vila celanovesa, berce ademais de Celso Emilio Ferreiro.

A localidade ourensá aproveita a entrega deste galardón para homenaxear a eses dous referentes locais e universais e Rivas, despois de participar neses actos, leu unhas palabras de agradecemento, pero tamén de reivindicación. O escritor brindou «por un novo rexurdimento» despois de alertar de que o galego «está nunha situación de emerxencia, de liña vermella». O país, dixo, «corre perigo de autodestrución».

A Coruña, e especialmente o barrio de Monte Alto, estiveron moi presentes no acto celebrado onte en Celanova. Xurxo Souto recordou a infancia de Rivas na rúa da Marola, os seus devezos por ser xornalista cando aínda tiña só trece anos ou o seu carácter comprometido, especialmente con Nunca Máis e aquela «marea negra do demo». A cidade natal do premiado tamén estivo presente grazas á actuación do grupo coruñés de vento-metal Zoar Ensemble, que invitou a Rivas a ler un texto (Tons de gris baixo o ceo) baseado nun poema homónimo da súa creación.

Ao acto asistiron destacadas personalidades da cultura galega como o cineasta Ignacio Vilar ou o poeta Luís González Tosar e autoridades como o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Este último, como todos, fixo fincapé na militancia de Rivas contra os absolutismos e as inxustizas e dixo que o galardoado «non é exactamente un periodista, é un escritor que escribe nos periódicos». Neste sentido, apuntou que o coruñés e herdeiro dunha estirpe iniciada en Galicia polo oleirense Manuel Pardo de Andrade hai 101 anos.

Trinta son os que cumpría onte o premio Celanova Casa dos Poetas e o presidente da entidade que o entrega, a Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro, que tamén é alcalde da localidade, anunciou a creación dun novo galardón de xornalismo.