Incapacidade

Ximena González

FIRMAS

A mocidade de Ourense foi sempre un espazo de creatividade que deu numerosas iniciativas culturais a Galiza. Grupos musicais, teatrais ou a explosión da banda deseñada tiveron en Ourense unha especial relevancia grazas a que a nosa xente moza sempre tivo a vontade de organizarse e crear. O papel que xogou en tempos -nos tempos en que era libre- a Casa da Xuventude animou ao BNG a traballar en conseguir un novo espazo para a mocidade que acabou cristalizando no proxecto da Casa da Mocidade, Espazo Lusquiños. Hoxe, dous anos despois da finalización da obra, co edificio preparado e con todo o material necesario no seu interior para comezar a funcionar de inmediato, a incapacidade do PSdeG-PSOE para dotalo de persoal róuballe á mocidade a oportunidade de disfrutar de algo que é seu.

O Espazo Lusquiños non é de quen o impulsou nin de quen o mantén pechado senón das mozas e mozos da cidade que cada día teñen menos espazos nos que atoparse, expresarse libremente e explotar a súa creatividade. Porque é ás mozas e mozos aos que o PsdeG-PSOE rouba a posibilidade de usar algo que é seu. Catro locais de ensaio equipados e unha sala multifunción con capacidade para máis de 60 persoas agardan a que a incapacidade política dos que gobernan permita aquilo para o que naceu: ser un espazo referencial para a xente moza da cidade. É responsabilidade de todas impedir que esta situación dure un minuto máis.