Vehículos mal aparcados cerran a rampa da Casa de Cultura
27 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A utilidade da rampa de acceso para discapacitados físicos que foi construída recentemente no edificio da Casa de Cultura de Chantada está a verse anulada con certa frecuencia a causa dos hábitos negativos de estacionamento. Desde que terminou a obra, a nova rampa xa quedou bloqueada en numerosas ocasións por automóbiles aparcados na zona de acceso -como mostra a imaxe situada xunto a estas liñas-, impedindo o paso das persoas que teñen que desprazarse en cadeiras de rodas.
Ata o momento non se instalou na zona non ningún sinal de tráfico que indique a prohibición de estacionar vehículos de maneira que impidan a utilización da rampa por parte dos discapactitados físicos. A construción da rampa quedou terminada a principios deste mes, atendendo ás demandas de numerosos usuarios e en cumprimento da normativa legal sobre eliminación de barreiras arquitectónicas. Para realizar esta obra foi preciso obter previamente unha autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dado o carácter histórico do inmoble e a súa ubicación na zona monumental da vila. O mencionado departamento supervisou as obras, nas que foi obrigado empregar materiais acordes coa arquitectura tradicional do lugar e seguir un deseño igualmente adaptado ao entorno.
A obra, por outro lado, axudou a recuperar un elemento arqueolóxico descoñecido. Para construir este novo elemento utilizáronse bloques de pedra sacados dun depósito de entullos. Entre estes materiais apareceu unha pedra cun fragmento de inscrición que podería datar dos séculos XV ou XVI.