O Centro do Viño, un ano e 10.000 botellas despois

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

O alcalde defende a privatización do Centro do Viño no seu aniversario

22 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra reabría as súas portas en xuño do 2013 despois de varias semanas de parón motivado polo proceso de privatización da súa xestión por parte do Concello de Monforte. Os responsables da empresa Rutas Sacras e o alcalde valoraron onte estes doce meses. Severino Rodríguez di estar «máis que satisfeito, porque o cambio de xestión foi tremendamente positivo» que con este novo modelo de xestión é posible «traballar con menos atrancos». Nestes doce meses, o Centro do Viño tivo 11.237 visitas e vendeu na súa tenda 10.170 botellas de viño e 880 doutras bebidas producidas na Ribeira Sacra. Do total de persoas que pasaron polo centro, 2.883 visitaron tamén o espazo do museo.

O Centro do Viño da Ribeira sacra abriu no antigo edificio municipal da rúa do Comercio en abril do 2009, despois anos de obras nas que se investiron ao redor dun millón e medio de euros. Nun primeiro momento, o Concello asumiu a xestión directa da parte acondicionada como museo e da tenda de venda de viño da denominación de orixe Ribeira Sacra. Para o establecemento de hostelería que comparte a planta baixa coa tenda, recorreron a un convenio coa escola de hostelería de Rosende, que se facía cargo da xestión sen necesidade de pagar canon ningún ao Concello.

A principios do 2013, os responsables municipais decidiron cambiar o modelo e sacaron a concurso por unha banda a xestión da tapería e por outra a da tenda e o museo. Un ano despois, o alcalde e os responsables da empresa Rutas Sacras -á que lle foi adxudicada a tenda e o museo a cambio de 6.000 euros anuais-, compareceron para facer o primeiro balance.

No nome da empresa, Xosé Ramón Martínez Mareque, fixo un repaso completo de todas as actividades organizadas durante estes doce meses e explicou que o seu obxectivo inicial era facer do Centro do Viño «un punto de referencia para adegas, creadores e artesáns da Ribeira Sacra».

O alcalde, pola súa parte, defendeu a posta en marcha do centro do Viño a pesar do custe económico que tivo a transformación do vello edificio do Concello. «Foi unha aposta arriscada e custosa, pero pasado o tempo creo que foi acertada», dixo. O movemento de xente ao redor do centro, argumenta, «supón creación de emprego e riqueza para Monforte».

Na tenda e o museo do Centro do Viño traballan na actualidade seis persoas, a metade delas a tempo completo e o resto con contratos a tempo parcial.