Dende o mosteiro de San Pedro de Rochas, o irmán Vicente, que foi acollido na vida monacal hai apenas uns meses, conta os tráxicos acontecementos ocorridos no seu lugar de nacemento, Cangas do Morrazo, no ano 1617: ?sucesos que cambiaron de xeito radical a vida da vila e singularmente a da miña familia e a de a maioría de moitos veciños?.
Tamén conta o Auto de Fe celebrado catro anos despois na catedral de Santiago contra sete mulleres da mesma bisbarra, entre elas, a lendaria María Soliño, acusada de ?bruxa malvada, asasina de nenos e que renegaras de Deus?.
Así se desenvolve esta novela, gañadora do IX Premio Ateneo da Cidade de Valladolid, que polas sombras e luces das súas páxinas semella un lenzo barroco. As primeiras, as tebras, representadas polo escenario da época retratada: os castigos da Santa Inquisición, a presenza da bruxaría, as invasións dos piratas turcos e o fanatismo dun poder xusticeiro e omnímodo. As segundas, as candeas, mostradas pola habelencia do autor ao crear un cadro con tres elementos básicos: o dominio da lingua, a excelente documentación e a sinxela estrutura da obra. Un novela inquietante.
«As voces do vento»
Pemón Bouzas. Edicións Xerais, 2014. 400 páxinas