Preguntas sobre Combarro

Rafael Vallejo PRESIDENTE DE A SOLAINA

FIRMAS

O28 de abril, A Solaina presentou o Informe urxente sobre o conxunto histórico. Proposta dun plan de actuación en dez medidas para conservar o seu patrimonio. Nos días seguintes, os medios de comunicación prodigáronse en informar e esta preocupación traduce a importancia do documento. Fixéronme varias entrevistas radiofónicas. Nunha das emisoras, as preguntas centráronse nas responsabilidades: ¿Por que o conxunto histórico chegara á situación de deterioración patrimonial que presenta? E, sobre todo, ¿a quen cabe atribuír a responsabilidade política disto? A entrevista rematou sen facerme ningunha cuestión sobre as medidas que propoñemos para recuperar Combarro, a parte máis relevante do informe. Nelas están as respostas, construtivas, aos problemas do núcleo histórico. O feito fíxome pensar sobre a importancia das preguntas. Nelas van implícitas o que queremos saber e para que o queremos. O que importa saber é que podemos facer colectivamente, a sociedade civil e as administracións de Galicia, para valorizar Combarro, para convertelo nun referente de excelencia, como pobo monumental e turístico. E para logralo, temos que empezar por preguntarlle aos residentes que pensan, que necesidades teñen, que aspiracións, que ideas se lle ocorren para mellorar as súas condicións de vida. Mesmo hai que preguntarlles se lles gusta que continúe sendo conxunto histórico. Isto nunca se lle preguntou. Sen coñecer a súa opinión dificilmente poderemos encontrar respostas atinadas.