A verba feísmo foi publicitada por este xornal xa hai un decenio, e desde entón son múltiples os casos denunciados tanto no papel como na edición dixital. E unha verba non sobrevive se non responde a una realidade e se non é aceptada polos falantes como descritora desa realidade. E os falantes son, en resumo, quen fan un idioma. Feísmo foi un termo moi oportuno para definir a falta de equilibrio e estética en construcións e na paisaxe, e na simbiose existente ou non entrambos elementos, un proceso que comezou nos anos sesenta do século pasado e que está ligado á emigración e as súas consecuencias. Dáse moito máis en Galicia que en calquera das outras comunidades españolas, onde este fenómeno é absolutamente marxinal (tan só se apunta ás Canarias), por non dicir na Europa desenvolvida, onde é sinxelamente descoñecido. Si está presente en América Latina.
O día 15, o xoves pasado, este mesmo xornal publicaba a noticia de que o feísmo fixo xa a súa aparición na muralla do conxunto monumental de San Vicente, en Monforte de Lemos: ante un novo derrubo, a única solución foi colocar unhas madeiras de calquera maneira, causando unha penosa impresión aos visitantes. Non moi lonxe, nos Peares, a maioría das vivendas amosan unha faciana moi digna de mellora, por dicilo suavemente, mentres entre ambas as dúas localidades citadas unha área de descanso aparece toda chea de pintadas a cal máis lamentable.
A mesma Wikipedia xa o di con rotundidade: o feísmo «serve para designar un estilo arquitectónico ou urbanístico de trazos esteticamente discutibles. Trátase de construcións humanas que degradan o entorno e que chocan frontalmente cos canons estéticos propios do lugar».