A cantante actúa hoxe no auditorio da Illa xunto ao músico brasileiro Fred Martins no derradeiro concerto da xira «Acróbata»
09 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.? «É o final polo menos desta parte do proxecto», explica Ugía Pedreira ao referirse ao concerto de despedida da xira Acróbata que dende hai algo máis de tres anos vén realizando co guitarrista brasileiro Fred Martins.
A elección da Illa para este adeus non é, nin moito menos, casual. «Acróbata débelle moito á Illa», di Ugía. Alí arribaron a cantante e o guitarrista nada máis chegar de Brasil. Alí naceron algunhas cancións. E alí gravaron o seu primeiro videoclip. «É un lugar que amo profundamente polo que o venres (por hoxe) será un día moi especial e diferenciador. Haxa a xente que haxa».
Acróbata é unha viaxe de ida e volta. A percepción de que a tradición musical galega ten moito que ver coa tradición nordestina do Brasil foi o principal motivo para afondar no entendemento compositivo entre Ugía e Fred Martins.
Froito dese entendemento xurdiu un disco de autor con composicións orixinais. Unha obra que mira cara dentro e se identifica co sinxelo, o íntimo e o reducido. Mostrando sen demostrar. Con composicións que mesturan a música popular brasileira coa música popular galega. Como di Ugía, «un traballo que navega entre os dous extremos que delimitan a sensibilidade e a forza».