Os tesouros que agocha A Capela

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

FIRMAS

NOGUEROL

Patrimonio intervirá xa nas pinturas murais da igrexa de San Antolín

20 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A igrexa prerrománica de San Antolín de Toques está chamada a ser «un dos puntos turísticos máis importantes de Galicia». Iso se se coidan «os excelentes elementos artísticos que ten». Debe ser con mimo de avoa, que é como se merecen por excepcionais e como reclama nas súas verbas Xosé Manuel Broz. O que reivindica o director do museo etnográfico de Melide ten o sustento dos bos argumentos e o aval de quen é voz autorizada para falar de patrimonio. Como a palma da súa man coñece Broz o legado artístico da comarca melidense. Froito da devoción que profesa polo seu estudo naceron catro libros.

Nun deles, o que no ano 2011 dedicou a Toques, documenta que as pinturas murais da igrexa da Capela, como tamén se lle coñece á igrexa de San Antolín, son do mesmo taller que as do templo monástico de Vilar de Donas, que acolle no interior da súa ábsida o mellor conxunto de estilo gótico descuberto en Galicia. A diferenza coas das igrexa que descobre o Camiño Francés en Palas de Rei, en San Antolín de Toques «aínda queda moito pintura por descubrir baixo as capas de cal», comenta Xosé Manuel Broz nunha visita ao templo, onde estes meses actuará Patrimonio para dar continuidade á restauración dun conxunto mural que saíu á luz cando hai uns anos se retirou do frontal da igrexa un calvario de madeira do século XII que hoxe loce recuperado. O director do museo de Melide non dubida en aplaudir a intervención anunciada dende a Xunta.

«Ha ser un bo conxunto cando se remate a restauración», prognostica logo de afirmar que as pinturas, en contra do que semella a simple vista, «están en moi bo estado de conservación. No patrimonio galego de pintura mural -explica- non hai tantas pola humidade e os danos que se fixeron». Broz afonda na idea sinalando a San Gregorio, un dos personaxes bíblicos representados na composición. A figura, afirma, «está moi ben conservada e nela apréciase a moi boa calidade artística das pinturas».

Pasado visigótico

Xosé Manuel Broz considera preciso ir máis aló da recuperación íntegra das pinturas para recoñecer todo o valor artístico da igrexa da Capela. Di que «é moito o que esconde e o que se pode conseguir aínda». Bota a vista atrás e conta que o piso da igrexa «está 45 centímetros máis alto», tal e como se descubriu hai uns anos cando «para salvar un problema de humidades, se fixo unha pequena escavación e apareceron sepulturas», conta. Foi a única vez que se escarvou no pasado. Se se seguise, «aparecerían moitas máis», di. Por aquel entón, tamén apareceu unha pedra con debuxo de roseta tallada, do estilo dos capiteis que flanquean a entrada á capela maior da igrexa e das pedras do aleiro exterior, «que son o testemuño do pasado visigótico dunha igrexa anterior e que foron reutilizadas nesta construción prerrománica do século XI», explica. E testemuño tamén é o entorno; no seu caso, do mosteiro beneditino no que, logo da desamortización do XIX, se instalou unha fábrica de puntas. O conxunto pode imaxinarse grazas ás ruínas en pedra que se conservan. Mágoa da maleza que devora un espazo cheo de historia ao que lle fai de regazo unha fraga de carballos centenarios.

reportaxe restauración en Toques