06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

OSalón, como as cousas boas da vida, deixou un pouso magnífico nesa parte do cerebro onde habita a memoria das cousas importantes. O tema deste ano «Cociñando Contos» remitíanos á lareira, ao forno, as cuncas de leite morno, a torradas quentes de pan de primeira hora da mañá un domingo, a churros. Mais tamén aos libros, que se cociñan nas cabezas e nos corazóns dos creadores, ilustradores e editores. Este foi, polo tanto, un Salón do Libro con sabor.

E eu quero contarlles a que me soubo.

A min, o Salón sóubome, primeiro de todo, a milagre. Ou a maxia. Ou a maxialagre, que é unha verba que me invento para que me entendan. Porque cando un entra no Pazo da Cultura e baixa a rampa e entra no Salón, axiña se ve enchoupado do ambiente, sempre máxico, que os responsables do mesmo consiguen ano tras ano. Este, estou certo, con máis esforzo ca nunca porque os orzamentos andan como andan e os recursos tamén. Por iso milagre. Porque o é que a pesar de todo o Salón sexa. Porque o é que a pesar de todo os colexios fagan quilómetros de autobús para encontrarse coas escritoras, cos ilustradores, cos grupos de teatro.

Sóubome a palabras. A futuro, a fe no futuro, a constatación dun futuro. A alegría, de ver á cativada irreverente correndo entre escritores moi serios que falan de literatura. A nais e pais conscientes de que é, si, unha milagre que cómpre aproveitar cada ano, todas e cada unha das actividades, porque están facéndolle un ben ás súas crianzas. Sóubome a vida grande. Sóubome.