Acadacanto, con catro grandes da música galega, actúan hoxe na Illa
04 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.? Xabier Díaz e Guadi Galego na voz, Guillerme Fernández na guitarra e Xosé Lois Romero coa acordeón. Unha formación de auténtico luxo, todos eles con recoñecidas traxectorias en varios dos grupos galegos máis destacados de música de raíz. Hai un par de anos «tropezaron na encrucillada» e decidiron tirar polo camiño do medio. «Con poucas dúbidas e moita complicidade».
A finais do 2013 publicaron o seu segundo traballo discográfico, A rosa d?Adina, un epé de seis cancións nas que poñen música a outros tantos poemas de Rosalía de Castro -Dende a Limia, Levoume o río, Tecín, Este meu camiño, Onde pousei a infancia e Aló-.
Seis cancións cunha gran profundidade emotiva que se amplifica no tratamento intimista das voces e na mínima instrumentación.
Seis cancións que forman parte do repertorio desta xira de Acadacanto, na que o cuarteto retoma tamén algúns temas do seu primeiro disco e mesmo pezas dos traballos en solitario dos seus integrantes.