Galiza na Internacional dos Agredidos

Xosé Manuel Beiras PORTAVOZ DE ANOVA-IN

FIRMAS

As eleicións do vindeiro maio van ser, seguramente, das máis relevantes na avesía historia do Mercado Común/Unión Europea. Agora temos abonda consciencia, galegas e galegos, portuguesas e portugueses, gregas e gregos e, ao cabo, tódolos povos da periferia continental, de que as esmagadoras políticas «de axuste estrutural» -cínica e soturnamente chamadas «de austeridade»- que demoucan os nosos dereitos, que xeran miseria e que atentan contra a dignidade da cidadanía toda, veñen fundamentalmente desa antidemocrática Troika que forman a Comisión Europea, o BCE e o FMI. Iso si: coa sumisa colaboración dos nosos malgobernos, hoxe simples monicreques de Bruxelas e do Bundesbank.

É nese campo de combate minado no que cómpre unha ampla alianza das esquerdas rupturistas dos povos europeos, nomeadamente os do Sur, que en irmandade cos movementos cívico-sociais emancipadores, tentemos crebar un rexime asoballador en proceso de fascistización. Unha sorte de Internacional dos Agredidos na que, en necesaria coalición con outras forzas rupturistas na imposta circunscrición única do Estado español, Anova poida incorporar a voz da Galiza, como suxeito político soberano, á maré de rebelión que forman a Syriza grega, o Bloco de Esquerdas portugués, o Die Linke xermano, a Front de Gauche francesa e tantos outros.

A defensa do noso país, da nosa identidade e da maioría social galega agredida é o noso compromiso inalienábel. Dende abaixo e á esquerda, onda o corazón.