Rianxo 1997

La Voz

FIRMAS

28 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Joaquín Sabina? Non; simplemente non. Un non pode ser igual antes que despois de escoitar certas cancións, algo debe acaecer aquí abaixo. Se é por facer un pouco o parvo aínda, pero para escoitalo? non. E, polo tanto, alí estaba de novo no Peor para el Sol de Malasaña cos amigos da facultade. Aquel xoves discutiramos. O chileno sacoume un Gauloise que declinei por mero orgullo, orgullo polo que logo o acusei de snob. Cachái para aquí, cachái para acolá, terminou confesando que só os fumaba dende que lera Rayuela. Rimos. «Hijo de puta Cortasar, ¡qué bueno que es! -Dicía trala gran calada-. Me gustan más sus cuentos, conste -claro, típico-; debería haber sido chileno, ¡y Pizarnik también chilena!». «¿Para qué? -Eu, bébedo?. En realidad a ti te hubiese encantado ser un francés, un parisino, y que Cortázar lo fuese también. Al mismo Cortázar, como argentino profesional, le habría entusiasmado la idea». Clara riu moito e tiven que mirala cando me rozou co pé por baixo da mesa. Gustábame, malia que había que tragar co seu chileno. «¡Linda!». Pode que todo asemelle literario á forza, non obstante, alí estabamos chileno-gauloise-cortasar mais eu esa noite, baixo o sorriso de Clara. «Maldita meigha! -pensín- enghanchástesme outra ves». E cando volvín de mexar, ela xa falaba con non sei quen dos 90, describindo a década como: «chandalpolyester, españavabien, miguelángelblanco, raúlbesandosuanilloenelbernabeu». O chileno asentiu sen entender a ocorrencia, seguro. Si, chandalpolyester, 100% e policromado; agora creo que volta estar de moda. Pois que saiban que fai suar as virillas e quéimase co rozar!

No fondo había calquera cousa nos recordos daquela rapaza co seu Raúl que... Debía ser que para min os 90 tiveran sempre o sosego de pequena vila mariñeira e de tenda de caramelos de Picariños, a de María Dolores, con Juan Antonio -Madar- amedrentándome porque eu aínda era moi neno e el tiña barba de adolescente que xa escoitaba Los Planetas. Madar? «Chámanlle así por Mickaël Madar, o do Dépor do 97», dixérame Pablo Lorenzo. Debía ser que ela tiña o seu Raúl bicando o anel no Bernabeu e eu a Madar vendendo caramelos en Picariños.

Mais xa me daba igual todo, Mickaël Madar que Raúl González ou o pailán do chileno, hoxe íao facer. Querería ela un gauloise-raúlbernabeu-picariños? Non o sei. Iso si, que quede claro, a min non me gusta Joaquín Sabina, pero está a piques de comezar o acústico e Clara achégase a min sorrindo.

Micael Alcalde Ordóñez

Naceu en Loiret (Francia) en 1988. É licenciado en Filosofía pola USC; máster en Estudos Avanzados en Filosofía; doutorado pola UCM cunha tese sobre a ontoloxía de Spinoza