Da man de Barbantia, sacou á luz a obra «Anacos»
21 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Hai sete anos vía a luz Arredor do berberecho, un libro cos mariscadores da ría de Noia como protagonistas que asinaba a veciña de Boa Ánxeles Malvárez Romero. Esta tarde, na casa de cultura de Portosín (20.30 horas), a mestra xubilada presenta a súa segunda obra, Anacos. A autora ve así culminado un proxecto que se fai realidade coa axuda da asociación cultural Barbantia.
-¿Que veñen a ser estes «Anacos» que hoxe presenta?
-Son como pedazos da vida desfeita dunha persoa que hai que recompoñer. Hai un protagonista mozo ao que lle sucede algo inverosímil a primeira vista, pero que configura a súa personalidade a partir dunha serie de circunstancias dramáticas.
-¿Semella que ten pouco que ver con aquel primeiro libro que publicou no 2007?
-Non ten nada que ver. Aquel era un tributo aos mariscadores de Noia, un recoñecemento á xente do mar por todas as dificultades que teñen que superar.
-Daquela tomou como referencia as súas vivencias de nena na aldea de Boa, ¿en que se inspirou para este segundo libro?
-Nun determinado momento da miña vida quedei impresionada con algo que sucedeu, a partir de aí xurdiron un conxunto de ideas que se foron encaixando na miña cabeza. O xerme foi unha situación que coñecín e que me parece moi difícil de asimilar.
-¿Como decidiu vostede empezar a escribir?
-Escribir é para min unha necesidade como a de falar, pero sen que ninguén che rebata.
-¿Ten algunha temática preferida?
-Non teño ideas preconcibidas. Para escribir si que ten que existir un fío pero, polo demais, chega con plasmar algo que impresiona, que causa certo desacougo. A partir de aí, xa non dirixe un a historia.
-A asociación Barbantia está detrás da edición deste libro, ¿é complicado sacar á luz unha obra literaria?
-É moi complicado, sobre todo para unha persoa coma min, que non está en círculo literario algún. Tanto para o primeiro libro como para este, recorrín a Xoán Pastor Rodríguez Santamaría.
-¿Como ve o panorama literario de Barbanza?
-Creo que hai xente con inquedanzas e con gañas de trasladalas ao papel, o que pasa é que resulta complicado publicar.
-¿Que aspiracións ten a nivel literario?
-As miñas aspiracións pasan por encher os tempos escribindo, porque me supón un sentimento que non me xera ningunha outra actividade. O meu é unha afección e non pretendo abrirme camiño neste mundo.
-Pero, ¿traballa xa nun posible terceiro libro?
-En algo estou, pero aínda é moi cedo para desvelar o seu contido. Son vivencias, reflexións... como eu percibo a realidade e como a traslado.
ánxeles malvárez escritora