Portavoz do BNG en Celanova e na Deputación, denuncia que o PP non tramita os acordos
15 mar 2014 . Actualizado a las 06:00 h.Leopoldo Rodríguez Puga accedeu á representación política nas últimas municipais, con anterioridade xa fora na candidatura do BNG en Celanova aínda que non figuraba en postos de saída. Ademais de ser portavoz da súa formación no concello, forma parte da corporación provincial de Ourense.
-¿Cre que as mocións que se presentan «en serie» teñen sentido?
-No caso do BNG non se fai un traballo neses termos. Si que é certo que pode haber mocións ou propostas que se trasladan dende a nacional, pero cada agrupación decide se a presenta no seu concello, ou non, en función de si considera que é necesario facelo.
-¿Por exemplo?
-Unha moción sobre o incremento do canon de Sogama para nós ten a importancia suficiente para que se posicionen todos os concellos, e tamén a Deputación. Que nos chega unha iniciativa dende a nacional sobre a defensa dos mariñeiros de non sei onde, pois está claro que non ten sentido presentala no meu concello ou na Deputación. É un criterio de racionalidade.
-A Deputación rexeitou unha iniciativa do BNG sobre medidas de emprego ¿era o escenario axeitado para a proposta?
-O PP amparouse en que a Deputación non era o foro axeitado para reclamar ese plan de emprego. Iso é un paripé para rexeitar todo o que non lle convén, porque eles aproban mocións que saben que non serven de nada, pero son propostas para lavar a cara por se os cidadáns lle reclaman. Pero cando lle convén a eles, como co da Ribeira Sacra, lévanas a todos os concellos.
-¿Que valor teñen as mocións que se aproban? ¿Cúmprense?
-Esa é outra. No caso de Celanova imos tomar medidas ao respecto, xa anunciaremos cales, porque se aproban mocións nosas -o PP está en minoría- pero logo non se tramitan os acordos. Lévanas a pleno como «rogos» para enredar a cousa e non tramitar os acordos. No caso da Deputación nin se tramitan. Xa de entrada no BOP só se publican os acordos promovidos por eles, non as mocións da oposición aprobadas.
leopoldo rodríguez concelleiro e deputado