As leis dos optimistas

FIRMAS

11 mar 2014 . Actualizado a las 20:38 h.

Tiña un compañeiro de traballo que cando nos vía con algunha preocupación por mor dalgún problema saía con esa tan coñecida filosofía de pé de banco invitándonos a non desacougar, pois se a cousa ten solución, xa se solucionará, e se non a ten non lle temos que facer, senón é abandonar e en paz. O malo era cando se lle explicaba que o motivo do desacougo era dar coa solución máis adecuada ou eficaz; e entón resolvía, «daquela tes un problema».

Acórdame isto porque na librería de onde veño atopei todo un andel de libros sobre as famosas leis de Murphy. Non sei se as leis de Newton terán tantos intérpretes a pesar dos moitos anos que estas lle levan a aquelas.

As tales leis de Murphy son as que se veñen chamando as leis dos optimistas, aínda que outros prefiren chamarlles dos realistas, pois deixando claro que o fatalismo está sempre presente axudan a afrontalo cun pouco de bo ánimo e bo humor, aínda que non se saiba a razón de que cando cae a torrada con manteiga o faga sempre do lado da manteiga, esa realidade física explicada porque a mesma manteiga despraza o centro de masas do conxunto para o seu lado. Asemade, esa aseveración de que se hai algunha maneira de facer algo mal sempre a encontramos, non é máis que a conclusión a que chegamos de que na procura do camiño máis doado para a resolución dun problema sempre acabamos por coller o atallo que nos perde. O que me fai lembrar unha famosa frase de Edison, quen despois de facer moitos ensaios con filamentos para as súas lámpadas, concluíu que aquilo ó que outros lle chaman fracaso na realidade era que descubrira as novecentas noventa e nove maneiras distintas de como non se podía facer unha lámpada eléctrica. Edison era un optimista. Pero tamén o refraneiro galego se adiantou a Murphy para borrar o desánimo sentenciando «nunca tanto choveu que non escampara».

Este Murphy, parece ser que era un home con pouca sorte nos seus traballos de enxeñería para as forzas aéreas, cando tras equivocarse, el ou un subordinado seu, na conexión duns cables, expresou esa frase de que falamos antes: «Se hai algunha maneira de facer algo mal, encontrarémola». A frase foi o tema de conversa na hora da cervexa de despois do traballo e acabou condensada nesa lei irrefutable: «Se algo pode saír mal sairá». Ou sexa que non nos desanimemos e que afrontemos os problemas de cada día, os erros e os despistes, reconvertendo o pesimismo que todo fracaso encerra en algo semellante á resignación. Elas xustifican a frustración cun aura de verdade científica aínda que semellan frases propias da sesión de chistes de calquera periódico, pero o penoso é que estas, aínda facendo famoso ó enxeñeiro aeronáutico sen darlle un peso, fixeron millonario ó seu recompilador, o escritor Arthur Bloch. Pesimista tamén foi aquel engraxador que en resposta ó xefe de máquinas cando preguntou se alguén tiña algunha idea para saír do problema que os mantiña á deriva, chascando os dedos anunciou: «Que vaian preparando os botes salvavidas».

Como queira que sexa, chegando a este punto e vendo que as cousas non sempre levan o camiño que un desexa, acóllome a ese outro principio atribuído ó señor Murphy: «Sonríe, que o mañá pode ser peor». Ou en palabras de Machado (se a memoria non me falla): «Nada está tan mal que non poida estar peor». Por certo, unhas frases aplicables a todas as cousas da vida e que nosoutros xa usábamos deste tempo inmemorial co noso «a mal tempo boa cara».