Estamos a vivir unha nova emigración. Unha xeración moi ben preparada marcha na busca dunha oportunidade que aquí non atopa. Vendo o que está a pasar con aqueles que formaron parte do éxodo da primeira metade do século XX, os de agora posiblemente non regresen xamais. Se o fan, será como turistas. A diferenza está á vista: os turistas estranxeiros reciben mellor trato que os vellos emigrantes. Os primeiros teñen acceso a servizos públicos de forma gratuíta ou a un custe moi asumible, mentres que os segundos están obrigados a unha dobre tributación (a que fixeron alá onde marcharon e, agora, no seu propio país) e cada día que pasa ven como lles recortan ou gravan os servizos. O peor é que hai só uns meses que Facenda notificou aos retornados a obriga de tributar polo que cobraron na emigración, sen ter en conta as súas circunstancias persoais. As caras dos afectados reflicten a amargura de ver que o paraugas da xustiza está rompido.