«O teatro público vai de morrer de éxito ao fracaso responsable»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

FIRMAS

PACO RODRÍGUEZ

Xosé Paulo Rodríguez Domínguez, presidente da Rede Española de Teatros, avoga polo traballo colaborativo

19 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Os seus compañeiros veñen de nomealo presidente da Rede Española de Teatros. Esta é unha asociación sen ánimo de lucro constituída no ano 2000 e composta por 127 socios que suman arredor de 700 espazos escénicos de toda España. Xosé Paulo Rodríguez Domínguez (Casal de Alén-Entrimo, 1969) é o director do teatro Rosalía de Castro da Coruña e antes fora director-xerente do Auditorio de Galicia, en Santiago. Apunta que «na xunta directiva está Luciano Fernández, do auditorio de Narón, e na anterior directiva estivera Olga Mojón, do Principal de Ourense, como vicepresidenta». «Os galegos somos parte moi activa na rede», explica Paulo Rodríguez.

-¿Qué función ten esa rede?

-Somos unha rede sectorial que defende os intereses comúns de todo o Estado e tratamos de fornecer axudas para todos os teatros, auditorios e festivais asociados. Estamos moi centrados na mediación do público. Procuramos traballar con criterios de calidade e minimizar os impactos dos cambios políticos.

-¿Unha liña de traballo?

-A creación de redes informais. É dificilísimo programar cousas internacionais. É o que máis traballo dá, con diferenza, é unha maraña terrible. Desde que estou no teatro Rosalía lembro cando trouxemos á Compañía de Danza Contemporánea de Cuba en colaboración co teatro Real de Madrid, o Mercat de Les Flors de Barcelona, o teatro de Manresa e o Arriaga de Bilbao. Agora tamén nos unimos varios para traer o Teatro Línea de Sombra, de México, que teremos no Rosalía o vindeiro día 6 de abril.

-Se a crise castiga á cultura, ao teatro aínda máis, ¿ou non?

-O teatro é o parente pobre. En xeral debemos meter na cabeza que a cultura é un dereito fundamental e está recollido na Carta Magna, que tamén podemos discutila, aínda que mellor non [ri]. Estamos falando da democracia cultural.

-No teatro hai apostas que sorprenden, como é a de Narón. ¿É un exemplo a seguir?

-Evidentemente. Ás veces os proxectos culturais teñen unha gran implicación de empeño das persoas que están encargados de xestionalos. En Narón levaron a cabo un proxecto loable.

-Hai compañías que estrean alí

-Si. O Rosalía tamén é referente para as estreas en danza, en teatro... Seríamos o obxectivo de moitos teatros públicos porque temos un número de abonados moi importante, preto de 600. Hai moi poucos teatros que teñan tantos abonados para teatro; para música si que hai, sobre todo na clásica.

-¿Que é iso do fracaso responsable do que fala a miúdo?

-Prodúcese cando como administración pública das resposta ás necesidades minorizadas. Por exemplo a danza. Estamos no proxecto danza-escena, o Rosalía somos o único teatro en Galicia que procura unha discriminación positiva para a danza. Se nos imos ao ítem numérico sería un fracaso o noso programa de danza-escena, pero é un fracaso responsable. Falamos de números moi pequenos e temos éxito nos outros campos. Ás veces cando activamos unha venta de entradas, como a de Ana Moura, morremos de éxito. O teatro público vai de morrer de éxito ao fracaso responsable.