O león manso

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

FIRMAS

Tampouco no convento onde o mestre Xerome, abandonando o mundanal ruído, se meteu a reflexionar e escribir algún dos moitos textos que lle dan fama, estaban os freires afeitos a afrontar as calamidades do mundo nin os rigores da vida como os demais paisanos. O seu era a contemplación, facer os labores imprescindibles da subsistencia e rezar. A verdade é que daquela moitos metíanse a freires para non padecer. Sen embargo estes freires nunca estaban tranquilos, pois naquel tempo tamén era doado que algún cabaleiro de espada ó cinto viñese consultar ó bibliotecario, ou a amedrentalo, porque a súa palabra era palabra de santo, e esa non sempre lle gusta a todos.

Vivían con medo, temendo que calquera arroutado, ó sentirse desprezado ou enganado polo mestre, fose quen de arrasar con todo coma quen pisa unha formiga; e por iso comprendo que cando certo día estaban paseando polo claustro, lendo os seus breviarios ou cavando na horta e viron de súpeto un león vindo cara eles, nin lles importou que aquel viñese coxeando, triste e submiso ou, se o caso fose, preguntando por alguén. Era un león, e o león ata de morto dá medo, e os freires eran humanos e correron espantados á procura do primeiro refuxio que atopasen. A haxiografía dinos que foi un león, pero ben podía ser calquera outra besta, incluso humana. Mais o destemido Xerome, o bibliotecario que nunca lle faltaba á verdade pese a que esta non gustase, limpou os lentes, e consciente de que sempre vence antes quen cura ca quen provoca a ferida, axeonllouse diante daquela fera que bramaba co seu vozarrón atronador, e cos finos dedos de escribinte sacoulle a espiña que non lle deixaba poñer o pé no chan.

Era só unha espiña. Aquel león tiña garras para despezar a calquera que se lle puxese diante, pero unha simple espiña era suficiente para apoucalo. Que dicir ten, porque xa todos o sabedes, que desde aquela a fera converteuse nun gatiño que acompañou ó relixioso ata a fin dos seus días, tanto así que podemos non recoñecer a cara do santo, pero cando o vemos cos seus anteollos sentado ó seu escritorio e o león feito un novelo ós seus pés, xa sabemos que é san Xerome.

Esta foi a escena que arredor do 1500 pintou Carpaccio para a escola de san Giorgio de Venecia, ?San Xerome e o león entrando no convento?, porque había pouco que os turcos otománs, competidores e ata aquela tidos por un pobo salvaxe, foran derrotados e convencidos para entrar no xogo comercial que marcaban os venecianos, e ese cadro era unha maneira de dicir que só con boas obras se chega a selar a paz coa peor besta do mundo. O león representaba ós turcos, feridos e apoucados, os freires ás boas xentes venecianas e os muros do convento ó pacífico estado que os protexe. Outra cousa é canto podía durar esa paz, porque os comerciantes non se ateñen a favores sen proveito e os exércitos sempre foron a man protectora do comercio, desde a guerra de Troia ata a Tormenta do Deserto e todas cantas se vos ocorran. O cadro vale como exemplo, pero a realidade foi outra, pois mentres o león de san Xerome ficou manso polos séculos dos séculos, estoutros de armas ó cinto non. Coma todos os vencidos acataron as leis impostas e asinaron tratados de paz que romperían en canto reunisen a necesaria forza ofensiva para impoñer os seus criterios, e de feito, as disputas no Mediterráneo continuaron durante anos e nin coa batalla de Lepanto, case oitenta anos despois, se calmou a furia do vencido nin a ambición do vencedor.