Supervisa o funcionamento de proxectos que teñen espallados no país
02 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Leva case cinco anos fóra do seu Rodeiro natal, do que bota de menos «os veráns con día ata as dez e media da noite fronte aos mozambiqueños con luz só ata as seis da tarde, a familia e aos amigos». Begoña Hermida Val traballa actualmente en Maputo, na capital de Mozambique, onde exerce de Coordinadora Nacional da Organización Non Gubernamental, Medicusmundi Cataluña, asociación membro da Federación de Asociacións Medicusmundi España (FAMME).
-É enfermeira, especializouse no eido da medicina laboral, cun Máster en Cooperación para o Desenvolvemento e Xestión de ONG?s; ¿que a levou a decantarse por esa vía profesional?
-Todo comezou cando acabei a carreira e fixen unha pequena incursión na Cruz Vermella en Santiago onde fixen voluntariado social ata que me fun a Francia a traballar nun hospital de París. Dende moi nova, co meu irmán, participamos en actividades solidarias facendo aportacións económicas para proxectos de emerxencia ou de desenvolvemento nos países subdesenvolvidos, así como colaboracións con outras oenegés, recadando fondos e facendo campañas de sensibilización. Dende moi nova tiven inquedanzas e gran interese por focalizar a miña traxectoria profesional no eido da saúde e da cooperación internacional. Supoño cunha mistura de sensibilidade social, inquedanza persoal, vontade inesgotable de coñecer persoal e profesionalmente outras culturas e, principalmente, vontade de loitar pola igualdade social e contribuir ao alcance do benestar de todas as persoas. O obxectivo principal da miña vida profesional é loitar para que todas as persoas vexan cumprido o seu dereito á saúde, dispoñendo de servizos sanitarios universais e equitativos, independentemente da súa orixe ou raza.
-Como coordinadora de Medicusmundi, ¿cal é a súa misión profesional no país?
-Son a persoa de referencia da organización no país perante as institucións locais e internacionais. Coordino e superviso o persoal e o funcionamento dos distintos proxectos que temos espallados polo país adiante. Neste conxunto de proxectos tamén se inclúe o que levamos a cabo en Angola que, co gallo de aúnar metodoloxías e procedementos de traballo e criar sinerxias entre ambos países, coordino tamén dende Maputo.
-De todas as posibilidades que se lle brindaban para desenvolver a súa profesión, ¿por que se decantou por Mozambique?
-Cando viñen para aquí, a principios do ano 2009, fíxeno cun programa de bolsas da Xunta de Galicia que tiña como obxectivo a formación práctica de Expertos en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, enviándonos a traballar nas Oficinas Técnicas de Cooperación (OTC) que a Axencia Española de Cooperación para o Desenvolvemento ten en diversos países do mundo. Polo meu perfil académico e pola miña experiencia profesional fun seleccionada para Mozambique porque era onde facía falla alguén especializado en saúde. Era unha bolsa de 9 meses e logo pensaba voltar ao meu traballo en Galicia ata que xurdira unha nova oportunidade de saír fóra. Ao final, grazas ao esforzo persoal e recoñecemento dos meus responsables, a bolsa acabou pero xurdiron contratos como Asistencia OTC. Dous anos despois mudei para unha oenegé e dende o 94 formo parte de Medicusmundi, un gran equipo comprometido con todo isto.
-¿Cales son os principais atrancos cos que vos atopades no traballo?
-O problema de base, no que se refire á saúde, é a propia vulneración do dereito á mesma, especialmente no que respecta á equidade e cobertura universal dos servizos. A cobertura da rede sanitaria en Mozambique é moi limitada. Os desafíos e retos que o sector afronta son todos os relacionados coa disponibilidade e calidade dos servizos.
begoña hermida val coordinadora nacional de medicusmundi cataluña
«Loito pola igualdade social
e para que as persoas alcancen o benestar»
«O problema de base que existe
é a propia vulneración do dereito á saúde»