O certame está dirixido aos estudantes e aos afeccionados
21 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Cinco mestres barbanceses agrupados no colectivo Marearte son os organizadores de OlloBoi, un festival que pretende animar aos afeccionados do eido audiovisual a crear e amosar os seus traballos. O prazo para facelo xa esta aberto e concluirá o 24 de abril. Ata entón, este grupo de docentes, entre os que se atopa Manuel Álvarez Fernández, traballarán arreo vendo e seleccionando cintas, pero tamén buscando financiamento. A falla de fondos impediu que o ano pasado puidese celebrarse este certame.
-¿En que cambiou a situación para que neste 2014 haxa unha nova edición de OlloBoi?
-O certo é que a situación é a mesma pero, nesta ocasión, decidimos botar para adiante. De feito, a contía dos premios, tal e como aparece nas bases do certame, está aínda por decidir, á espera de que ver a colaboración que temos por parte das empresas.
-¿Que novidades presenta o festival?
-Nesta edición hai máis categorías que na anterior, pasan a ser un total de oito. Había moitos traballos que non sabiamos moi ben onde enmarcalos e vimos interesante abrir o abano.
-Aínda que o prazo de presentación de traballos ven de abrirse, xa hai algunhas cintas seleccionadas...
-Si, de feito o noso propósito é ir actualizando o listado cada semana. Nós imos analizando os vídeos, para comprobar que cumpran as bases e poidan concorrer ao certame. Queremos que o público os vaia vendo desde xa.
-¿Cal é o obxectivo principal dos promotores de OlloBoi?
-A nosa intención é introducir o audiovisual nas aulas, pero tamén motivar a aqueles afeccionados que non teñen onde amosar os seus traballos. Hai xente moi boa que non ten plataformas para darlle saída ás cintas.
-¿Cal é a aspiración dos organizadores do festival?
-O que queremos é estimular a creatividade dos mozos, tanto de aqueles que estuda nos centros educativos da zona, como do colectivo en xeral. Queremos dar a coñecer o que fan para que, deste xeito, se sintan motivados para seguir creando. O festival OlloBoi tamén pretende axudar a promocionar o eido audiovisual, en termos xerais, na zona de Barbanza. Para iso, temos un premio que concede o público, mediante os votos en Internet. Deste xeito, animamos aos veciños a ver os traballos.
-Pero, a medio ou longo prazo, ¿cal é a meta que se marcan os integrantes do colectivo Marearte?
-A nosa idea é que o festival se consolide a nivel galego, pero iso é soñar, polo menos a día de hoxe. Hai que ter en conta que somos cinco persoas as que nos encargamos de todo o proceso, desde a posta en marcha do certame hasta a celebración da gala de entrega de galardóns, que será o 23 de maio. Se houbese que pagar todo este traballo estariamos falando dunha cifra elevada. O noso reto é conseguir que unha firma patrocine o concurso, deste xeito poderiamos empezar a pensar na posibilidade de darlle relevancia ao festival e situalo no mapa audiovisual galego.
manuel álvarez organizador do festival olloboi