Luzía Oca analiza a implantación desta comunidade na Mariña desde 1978
28 dic 2013 . Actualizado a las 10:15 h.Non lle gusta que usen o termo morenos para referirse aos caboverdianos que migraron desde 1978 a Burela (9.631 habitantes), onde hoxe uns 600 constitúen unha das comunidades máis numerosas. Quince anos de contacto directo coa comunidade e dous residindo no país permítenlle a Luzía Oca González (Ribadeo, 1971), antropóloga e profesora na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal), diagnosticar unha realidade actual que se alonxa da perfecta integración que divulgan as Administracións. Na súa primera intervención, no 1998, descubriu que a ampla maioría dos caboverdianos que residían na localidade non estaban empadroados, que ningún era usuario dos servizos sociais municipais, que as mulleres que chegaban por reagrupamento non tiñan dereito a traballar sen a autorización dos seus esposos e, no eido educativo, carecíase de plans de atención á diversidade. O primeiro traballo científico en profundidade sobre a maior comunidade caboverdiana en Galicia acabou en tese doutoral, nunha análise sen caretas da realidade.
-¿Que encontrou cando chegou a Burela no 1998?
-A min me contratan no ano 98 para desenvolver o Proxecto BogAvante, de integración cos mariñeiros caboverdianos. Fixemos un prediagnóstico da situación e aplicamos metodoloxía participativa que dá poder aos beneficiarios contraria ao clientelismo que hai agora. Antes ca min, outro antropólogo nun estudo xa mantiña a mesma idea da situación, que a integración se baseaba na renuncia de loitar polos dereitos de cidadanía.
-Actualmente as Administracións valoran a integración en Burela, onde conviven máis de 40 nacionalidades. ¿Que panorama percibe vostede?
-A caboverdiana é actualmente unha comunidade superdiversificada na que tamén cambiou a configuración dos grupos domésticos. A finais dos anos 90, o 100 % dos homes eran mariñeiros de pesca de altura e as mulleres tiñan unha cota de autonomía alta. Elas son as verdadeiras representantes do colectivo. Desde o 2000 hai diversificación laboral masculina e a partir do 2008, ano ata o que abarca a tese (desde 1978), empeza a medrar o paro e cobra peso a competencia laboral interétnica no porto. A crise pasa agora máis factura e a isto haille que sumar que os procesos para obter a nacionalidade levan uns dous anos e son caros. Hoxe ser estranxeiro é ser cidadán de segunda.
-Sen traballo, ¿cre que moitos optarán por marchar?
-En Zaragoza, onde existe outra comunidade importante, quedaron menos da metade. A min non me estrañaría que tamén se marcharan algúns de aquí. Francia, Suíza e Luxemburgo son os destinos preferidos. Os inmigrantes dependen basicamente da demanda laboral. Á Mariña chegaron os primeiros para construír Alúmina (hoxe Alcoa) e despois cubriron na pesca postos que deixaron mariñáns para traballar na multinacional.
-¿Séntense integrados?
-As maiores e as fillas si. O resto non o plantea. Agora a comunidade é tan grande que crean as súas propias relacións. Vexo que o Concello só potencia a liña cultural, unha imaxe folclorizada na que se separan os aspectos culturais dos sociais. A porta á integración real que se abrira co proxecto BogAvante volveuse pechar. Ademais, recentemente a Xunta eliminou a Cabo Verde da lista de país prioritario para a cooperación galega. Eu traballei co método etnográfico; tes que poñerte ao lado do teu beneficiario, non por riba.
-¿Impregnouse Burela da comunidade caboverdiana?
-Burela é unha amalgama, non unha disolución. Non acaba de haber permeabilidade. ¿Sabes cantas parellas mixtas hai? [Abre a man cos dedos estirados e di que sobran para contar. A dela é unha]. Pese a todo, hai moitas cousas positivas: boa convivencia, o colectivo musical Batuko Tabanka é unha imaxe de marca de Burela, este ano licenciouse a primeira caboverdiana...