Afigura do Apalpador formaba parte do antigo Nadal da Galicia interior e estase recuperando e estendendo pouco a pouco. Os nenos do colexio Pilar Maestú da Pobra acudiron esta semana á residencia de maiores da vila para facer máis felices estas datas os usuarios e, de paso, contar a historia do personaxe, provistos dunhas máscaras feitas previamente no centro educativo. A emoción do encontro percibíase na cara dos residentes, a maioría persoas procedentes de poboacións afastadas de Barbanza que dificilmente verán as súas familias nestas datas. Nenos e vellos puxeron de manifesto os dous extremos da vida, antes de fundirse nun intercambio de xestos de cariño que ben seguro encheron de ledicia a ambos. Din que o Apalpador visitaba os fogares nas noites do 24 ou 31 de decembro e palpaba as barrigas dos cativos para ver se estaban cheas. Seguro que hoxe tería traballo de abondo porque a fame volve formar parte do noso día a día.