Na parroquia de Asados, no concello de Rianxo, temos o lugar de Somoza, núcleo interior próximo aos montes Leoira e Pelotiña, que a piques estivo de ser desaloxado este mes de setembro, cando o lume o cercou.
O nome desta aldea é bastante corrente en Galicia, e tamén no Bierzo e nos pobos maragatos das faldras do monte Teleno. Sempre está presente en zonas rurais de montes de maior ou menor entidade.
En documentos antigos, estes topónimos aparecen mencionados como: Somontia de Astorica, illa terra de Sumontia, Sub Monzia, etc. Incluso de lugares máis afastados temos mencións: Xomontán, en Xaén; a catalá Samuntá; ou en Huesca, Somontano. Chegados a este punto, é fácil supoñer unha orixe latina sub montia, corroborada polo significado do substantivo galego «somonte», que vén sendo un terreo situado na aba dunha elevación.
Neste bosque atlántico de suaves e solleiras estacións e vida tranquila escóitase na boca das súas xentes: «En Somoza nace o sol,/ na Marquesa nace a lúa,/ na aldea da Atalaia,/ nace a estrela da fortuna».