«Non me acordo de nada de como foi o accidente»

Marcos Gago Otero
marcos gago VILABOA / LA VOZ

FIRMAS

O edil e exalcalde Xabier Míguez retomou esta semana o seu traballo despois de catorce meses de baixa tras unha caída en bici

29 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Míguez foi alcalde de Vilaboa e na actualidade é edil do BNG e presidente dos comuneiros da súa parroquia. Sufriu un aparatoso accidente en setembro do ano pasado que o alonxou da vida pública ata que este mes recibiu a alta, reincorporouse ao seu traballo e concedeu a súa primeira entrevista.

-¿Como se atopa?

-Atópome moi ben. Estou xa de alta e hoxe [por onte] vin a Oseira nunha excursión do instituto. Atópome divinamente.

-¿Está xa totalmente reintegrado no seu traballo?

-Si, si, no instituto Mendiño de Redondela.

-¿Como é volver ao traballo tras tantos meses fora?

-Atópome moi ben porque os compañeiros e a directiva mantiveron perfectamente o carácter do instituto.

-Agora que xa está de alta, ¿manterá o seu posto no Concello? ¿Irá ao próximo pleno?

-Si, claro, vou a asistir.

-¿E que recorda do accidente da caída da bicicleta? ¿Como foi?

-Non o sei, non me acordo de nada, do accidente non me acordo de nada.

-¿Nin de como caeu?

-Non, de nada.

-¿Como pasou estes longos meses de recuperación?

-Estiven de baixa desde setembro do ano pasado, catorce meses ata agora. E sentinme moi ben, porque a evolución foi moi boa e sempre notaba melloras, continuamente.

-¿Sentiuse arroupado polos seus veciños e compañeiros?

-A xente foi estupenda. Tratáronme marabillosamente ben os políticos e os veciños.

-¿Que foi o máis difícil neste proceso de recuperación?

-Non lembro nada difícil. Todo foi fluíndo moi ben.

-¿Síntese capacitado para a súa responsabilidade no goberno de Vilaboa na actualidade?

-Si, si.

-Durante a súa comparecencia negociouse con Defensa polos terreos da Brilat. ¿Cal foi o resultado segundo vostede?

-Moi ben e someteremos o acordo á asemblea a ver que pensan os comuneiros.

-¿Pensou en dimitir?

-Non, non pensei niso. Esperaba a que pasase o tempo, a que curase e a reincorporarme.

-¿Que tal foi o comportamento dos seus compañeiros?

-Son excelentes, a tenente de alcalde, Ornela Fernández, e os concelleiros Cándido Rosendo, Canducho, e Tomás Boullosa.

-No pasado o alcalde, o socialista José Luis Poceiro, e vostede tiveron moitos choques, ¿como son as relacións agora?

-Boas.

-Se ten a oportunidade, ¿volvería a figurar na candidatura do BNG?

-Estou ao servizo para que Ornela Fernández sexa a próxima alcaldesa de Vilaboa. Se o partido e ela consideran oportuna a miña presenza, sempre estou á súa disposición.

-¿Que aportou vostede á política de Vilaboa?

-Traballo, ideas e traballo para levalos a cabo.

-¿De que se sinte máis orgulloso da súa etapa como alcalde de Vilaboa?

-O centro de saúde, a obra das Salinas e o trato cos veciños.

-¿E cambiaría algo se puidese daquela época?

-Non.

xabier míguez concelleiro do bng en vilaboa

«Nunca pensei en dimitir, so esperaba a que pasase o tempo e reincorporarme»

«A negociación da Brilat foi ben e someteremos o acordo aos veciños»