Cando tiña 4 anos e aínda era Toñito de Bóveda, Antón Pulido dedicábase a pintar mentres os nenos da escola na que o seu pai era mestre aprendían Matemáticas. Nos anos de Seminario descubriu a paixón polo estudo e a Música. O tempo configurou a súa vida entre a docencia, o mundo editorial, a xestión cultural e, sobre todo, a pintura. Para un reencontro entre pupitres opta polo mestre dunha etapa, moi breve e moi tardía, pero clave: o catedrático de Arte José Manuel García Iglesias. E escolle para revivilo un espazo eterno na súa cosmogonía, que xa estaba cando el naceu e que permanecerá, en certa medida grazas ó seu propio pulo, cando el se vaia: o pazo de Trasalba.
Aquel neno que debuxaba as vacas e as cabras dos chaos oterianos dun xeito que chamaba a atención é hoxe fillo predilecto de Amoeiro e está a piques de inaugurar unha exposición antolóxica no Museo de Arte Moderna de Pontevedra. Conversa con García Iglesias na galería onde sendo un neno falaba con don Ramón e revive con frescura aquelas visitas: «Eu viña en bicicleta dende Bóveda e don Ramón sempre agradecía a conversa, aínda que fose dun mozo do Seminario. El escribiume unha crítica para a segunda exposición da miña vida e eu despois pinteille o retrato que preside o salón de actos do pazo».
A García Iglesias, Pulido chegoulle con 38 anos, varios títulos no curriculum e un ampla experiencia docente. O mestre tiña 32 e dirixía un curso de doutoramento sobre o Guernica de Picasso. Era o ano 82. «A Pulido eu coñecíao algo como pintor, vira un par de catálogos seus; naquel momento el xa tiña unha presenza e foi entón cando fixo unha exposición importante na Casa da Parra. El era maior ca min e esa tamén é unha cuestión que indica a humildade de Antón, que é capaz de ver mestres en persoas máis novas ca el; iso é algo que o enaltece como home», afirma.
Aquelas clases de doutoramento discorrían no despacho do catedrático na antiga biblioteca de Historia, en Compostela; un espazo fermosísimo, con vidreiras de cores que o facían especialmente acaído: «Eran poucos alumnos e a Pulido vino entón como unha boa persoa, afable, moi educado, que asistía sempre a clase e tiña un sentido participativo e moi positivo. Era unha persoa cunha gran tenrura, algo que se traduce na súa pintura xunto coa forza interior, case bruta, na súa maneira de expresarse».
O peso do Guernica
Unha década despois, o mestre e o alumno coincidirían en cargos executivos no goberno da Xunta, «traballando codo a codo pola cultura do país».
«Foron moitas cousas nas que estivemos xuntos traballando despois daquel curso do Guernica», lembra García Iglesias.
«Ese curso foi moi importante para min, polo tema e polo profesor -matiza Antón-. José Manuel chega á cerna dos temas, non se perde nas florituras nin no exterior, con el afondei moito en Picasso, na súa época e no que supuxo no século XX».
«Hai profesores -evoca- que chegan ó alumno, cos que o alumno sente como se non estivese nunha clase. José Manuel ten esa facultade, ensina dun xeito moi natural. Hoxe é un grandísimo amigo meu»