As diversas actuacións ofrecidas por Carlos Blanco na última semana fan as delicias dos galegos residentes en Londres
15 oct 2013 . Actualizado a las 09:49 h.Coma un emigrado máis pero, no seu caso, con billete de ida e volta, Carlos Blanco chegaba a pasada semana a Londres. Alí, o actor e cómico arousán levaría o seu exitoso show Carlos Blanco: ao vivo ante uns trescentos galegos desexosos de gozar dun anaquiño da súa terra da man dunha das nosas figuras máis recoñecidas.
Para a ocasión, Charlie White escolleu The Tin Tabernacle, un peculiar local que se podería describir como un híbrido entre un barco e unha igrexa. A música galega e a bandeira co Nunca Máis no altar, así como a venda de Estrella Galicia e licor café completaron un escenario diferente no que o actor, recibido con grande exaltación por parte dun animado público, era a estrela.
A política, a familia real, a dopaxe, o roubo do Códice Calixtino e, como non, as nosas peculiaridades como galegos foron só algúns dos temas introducidos por Carlos Blanco nas súas actuacións, que se converteron nun sen parar de risas entre as que tamén tivo cabida a morriña. Dous mil quilómetros de distancia son moitos, e non foron poucos os que se lembraron da familia cando Blanco recitou algunhas das frases galegas máis pronunciadas polas avoas, columna vertebral da nosa sociedade.
Ademais das tres actuacións inicialmente programadas, Blanco aproveitou a súa estadía en Londres para pasar polo Instituto Vicente Cañada, onde conversou e deleitou aos alumnos de galego e español cunha pequena actuación.
Por se todo este movemento non era suficiente, o cómico vilagarcián, sen esquecer que o motivo que levou a tantos galegos a facer a maleta con destino ao Reino Unido foi económico, ofreceu tamén un pequeno espectáculo gratuíto para aqueles que non puideron mercar unha entrada para os shows principais. Pequenos detalles que fan grandes artistas. Unha lavandería no coñecido barrio londiniense de Notting Hill, onde chegaron a meter 50 persoas, foi o lugar elixido nese caso.
O resultado, ao igual que en calquera das demais actuacións, foi máis que satisfactorio: cheo absoluto e risas continuas. Xa están esperando a que volva.
en directo a xira inglesa de carlos blanco