Arquitectura integrada na paisaxe

Salustiano Mato

FIRMAS

O reitor defende que o campus ten na súa contorna natural un gran activo que os arquitectos souberon respectar

06 oct 2013 . Actualizado a las 20:24 h.

Tres décadas, as que van de 1970 a 1990, abrangue o desenvolvemento arquitectónico do campus de Vigo. Trinta anos ao longo dos que desde as edificacións do Colexio Universitario proxectadas por Desiderio Pernas ata o plan global de integración dos elementos ata entón dispersos de Enric Miralles, o campus experimentou unha transformación radical que permitiu modelar o seu intrínseco illamento arquitectónico e funcional. O obxectivo de construír unha auténtica cidade universitaria moderna coas dotacións que lle corresponden atopou na contorna ao seu gran reto, pero tamén ao seu mellor aliado. Os 125 metros en vertical que separan a Facultade de Filoloxía e Tradución, situada no punto máis elevado do campus, e a de Ciencias, no punto máis baixo, dan fe da difícil orografía, unha circunstancia que sen embargo os arquitectos Enric Miralles e Benedetta Tagliabue atenuaron situando na cota 460 o núcleo da cidade universitaria. Privilexiado miradoiro sobre as Rías Baixas, a bacío do Miño, o val do río Zamáns e a Serra do Galiñeiro, o campus ten na paisaxe un enorme activo que arquitectos como Portela, Penelas, Noguerol, Díez, Conde e Santos Zas e sobre todo Miralles souberon respectar e utilizar. Baixo a premisa de transformar o lugar nunha paisaxe construída o arquitecto catalán sumou á súa innovadora arquitectura outeiros creados coa terra removida, miradoiros e lagoas que viñeron a integrarse nunha contorna na que a historia palpita nos xacementos megalíticos do Monte das Pedreiras ou o poboado do Bronce final do Monte das Cabanas. Estamos a ser quen de facer da nosa singular relación coa paisaxe un valor engadido e aínda que na nosa mente de xestores persiste a idea de que debemos enfrontar novos retos para a seguir vertebrando a universidade, moito temos avanzando na consolidación do campus como unha gran mostra de arquitectura contemporánea integrada na paisaxe.