Un abanqueiro é «unha caída de auga dun río ou doutra corrente dende certa altura», e, polo tanto, sinónimo de cachoeira, fervenza ou seimeira. No noso Abanqueiro de Boiro nin o río Coroño nin o Grande poden ter protagonismo. Tampouco é doado imaxinar un mar bravo e escumante nunha chaira costeira no corazón da nosa ría.
A tradición popular fala dun importante banco de ostras en tempos remotos, que ten no século XVIII a corroboración nos documentos que poñen a Abanqueiro como principal provedora de escabeche de ostras á Casa Real española.
O profesor R. Baltar suxire a procedencia das ostrea de Mancario, citadas na Crónica Albeldense VII entre as «causas celebres ex Spania». Non obstante, o profesor Moralejo considérao un fitotopónimo céltico procedente da raíz *abanko-, que ten variados termos francoprovenzais relacionados co significado «vimbio, vimbieiro». Malia ser un termo prelatino, a sufixación -ariu>-eiro é claramente latina.
Sexan as prezadas ostras ou os humildes vimbios a súa orixe, nós seguimos apreciando as boas prácticas marisqueiras de Abanqueiro.