«A educación pública é a saúde da democracia»

María Hermida
María Hermida RIBEIRA / LA VOZ

FIRMAS

SIMÓN BALVÍS

Saco di que as leis educativas se fan á marxe de mestres, pais e alumnos

15 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O curso botou xa a andar en primaria e mañá mesmo farao en secundaria. Nestes días de volta ás aulas, son moitos os mestres, pais e alumnos que se apoian na Asemblea Pola Defensa do Ensino Público da Barbanza; un colectivo que leva xa máis dun ano de traballo e que pon voz aos problemas que ten a comunidade educativa. Por exemplo, apoia aos os pais da Vacariza, que loitan estes días para que non peche a escola unitaria. Rafael Saco é unha das persoas que está trala plataforma. Non lle gusta demasiado que lle digan que é portavoz dela. Di que no colectivo non hai xerarquías nin cousa semellante. Pero asume ese papel para explicar, coa didáctica que leva dentro pola súa condición de mestre, cal é o obxectivo da entidade.

-¿Cando naceu este colectivo de defensa do ensino e cal é a súa principal meta?

-Levamos máis dun curso traballando, nacemos alá por xuño do 2012. E o noso obxectivo está claro: temos que organizarnos, que coordinarnos e traballar para que os pais, os docentes e os alumnos sexan os verdadeiros protagonistas das liñas que vai seguir o ensino público. As sucesivas leis educativas aprobáronse á marxe da comunidade educativa e así é imposible que respondan á realidade que temos. Fixéronse desde o máis absoluto descoñecemento. E iso non pode seguir así.

-¿E, se ata o de agora se fixo mal, como considera vostede e o colectivo ao que está representando que debe entenderse a educación pública, como deben actuar con ela as diferentes Administracións?

-Ten que entenderse como un ben social, nunca como unha inversión nin como un proceso mercantil. E as Administracións públicas teñen que garantir un reparto equitativo dela. Cómpre lembrar que a educación é a base da democracia. Diría aínda máis, a educación pública é a saúde da democracia.

-En concreto, na comarca barbancesa, ¿cales son os principais problemas que ven no ensino público?

-Ademais de todas as consideracións xerais citadas, que son aplicables a Barbanza, agora mesmo temos problemas puntuais. Está o caso da escola da Vacariza, que se pretende pechar malia a oposición da comunidade educativa. E en Artes, en Ribeira, teñen problema pola falta de profesorado. Ademais, ao longo dos últimos anos, houbo moitos conflitos que foron dando como resultado esta contestación por parte dos profesores, pais e alumnos que é a asemblea polo ensino.

-Cite algunha deses conflitos do pasado recente, algúns dos cales, seguramente, recibiron contestación por parte do seu colectivo. Ou algún que crea que está á porta...

-Por suposto. Está o problema de que os centros perdan vías de bacharelato. Tamén o feito de que non se cubran as baixas dos profesores, algo que agora mesmo sucede con frecuencia. E rodeando a todo iso está o reparto clientelar dos servizos educativos, por exemplo, dos ciclos de Formación Profesional, que non se fai en base a criterios racionais. E iso é moi preocupante. E fai que acabe recibindo contestación por parte dos pais, os docentes e os alumnos.

-¿Que fixeron dende a Asemblea Pola Defensa do Ensino Público da Barbanza para loitar pola educación na que cren?

-Levamos tempo mobilizándonos, facendo actividades de información e coordinación cos distintos centros da comarca. E recollemos seis mil firmas para rexeitar a Lomce (a lei Wert). Fixémolo coordinados coas asociacións de pais, que para nós son moi importantes.

-Explique por que a asemblea polo ensino é iso, unha asemblea, e non unha plataforma nin ningunha outra cousa.

-Constituímonos como asemblea porque defendemos unha organización horizontal, onde non haxa xerarquía algunha e todo o mundo teña cabida. Nela estamos mestres, pais, alumnos e está aberta a todas as persoas preocupadas polo ensino público.