«A policía debe estar na escola»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

FIRMAS

O inspector cumpriu os 65 anos e deixa unha responsabilidade que exercía dende 1977

01 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O lugués Constantino Vázquez Vilar cumpriu o venres os 65 anos e deixou o seu posto de xefe da Policía Local de Carballo, que desempeñaba dende os 28, dous anos despois de ingresar no corpo. En todo este tempo viu cambiar a policía, a política e, sobre todo, a sociedade. Na súa despedida da unidade fai un resumo desta evolución.

-¿Cantos policías había e como traballaban cando chegou a Carballo?

-Había 11 prazas pero dous non estaban. Hoxe son 24, agora 23, porque o meu posto queda vacante, e faltan dous por incorporarse. Sen lugar a dúbidas o traballo e os medios cambiaron moito dende aquela: chegou a democracia, os coches, as comunicacións... Cando empecei, á persoa que lle facía falta un garda ía buscalo ao cruce no que sabía que estaba. Teléfono había o do Concello, todo chegaba polo boca a boca, e o primeiro vehículo foi unha moto, que era para o capataz de obras, pero como non a empregaba colliámola nós. Despois chegou aquel Seat rancheira e un Renault R9. Hoxe hai cinco vehículos que se van renovando, talkies, etilómetros, radares... En fin, iso mellorou moito.

-¿E os axentes, tamén melloraron a súa capacidade?

-Dende logo. Hoxe a todos os que entran pídenlles o bacharelato, existe a Academia Galega de Seguridade, e para o meu posto, por exemplo, fai falta unha titulación universitaria. Nós non sabiamos practicamente nada. Iamos aprendendo con algúns cursiños que facía a DGT ou o Ministerio do Interior ou con outras unidades máis grandes coma a de A Coruña. Aínda que nisto tes que te ir adaptando todos os días, porque as leis cambian, o persoal vaise reciclando e a formación tamén o ten que facer.

-¿Diría que é un traballo recomendable o de policía?

-É coma todo, tenche que gustar, pero si, penso que poder ser unha profesión moi digna. Creo que a clave está na humildade, poñerse no lugar das persoas, explicarlles as cousas se fai falta ao día seguinte, porque a acción represora por si soa -que ás veces hai que facela- non vale. Eu cheguei de fóra, era novo e do que máis orgulloso me sinto neste tempo é de conseguir que a xente nos respectase, iso non se acada con chulería e prepotencia.

-¿Como foi a relación cos diferentes responsables políticos?

-Nestes anos, evidentemente, pasaron moitos, pero nunca tiven problemas, salvo cousas puntuais, como en todos os sitios, porque ti tés que te adaptar ao norte que eles marcan, sempre dende o respecto mutuo e cunha idea clara: estamos para responder ás necesidades dos veciños. Eu sempre quixen iso, evitarlle problemas á xente.

-¿Pensa que están ben repartidas as competencias entre a Policía Local e a Garda Civil?

-A xente sempre quere máis e normalmente reclámalle ao que ten máis preto, pero as funcións de cada un están perfectamente delimitadas. Iso non quita que teñas que dar resposta nun momento dado aínda que non sexa a túa competencia. Despois, que as policías municipais poderían facer outras cousas... pode ser. Se se amplían as prazas ao mellor poderíamos ter un grupo de atestados ou de informática ou ocuparnos das zonas rurais, pero eu penso que o que máis falta fai é participar na educación, viaria por exemplo, nos colexios, e máis os temas medioambientais.

-¿Pensa que Carballo é máis perigoso que outros pobos?

-Carballo xa é unha pequena cidade, nin mellor nin peor que as outras, hai zonas de ocio e calquera pode andar por aí de noite sen medo ningún. Temos un problema de marxinalidade, concentrado sobre todo no Sixto, Carballo de Arriba e A Ponte Rosende. Pero a esa xente hai que tratala coma cidadáns, non apartalos. Algúns tiveron arrestos domiciliarios ou servizos á comunidade e reeducáronse. Hai que integralos nos colexios e facer un labor preventivo e educativo. A represión non chega.

constantino Vázquez Vilar xefe da policía local de carballo xubilado