Hoxe é un día de estrés para o pelotón. O primeiro de todos os que se irán sucedendo xa ata o final da Vuelta. Os ciclistas érguense, almorzan, fan o adestramento de mañá na bicicleta da contrarreloxio, e poñen en práctica o aprendido o día anterior, coas modificacións que os equipos fixan tras o visto sobre o terreo na primeira xornada de traballo pensando en pulir a crono de mañá.
Despois do adestramento os corredores voltan ao hotel, comen, e saen practicamente sen descanso para a presentación de La Vuelta. Van estar prácticamente toda a tarde de pé. É un día no que o ciclista non ten moito estrés pola carreira, pero si empeza a agromar polo programa de actos. O corredor estaría mellor no hotel cá na presentación. Pero tamén entende que é preciso este tipo de actos para o público. Para que a xente vexa todos os corredores que van correr La Vuelta. E tamén serve de reencontro entre moitos profesionais que poden levar moito tempo sen verse.
No acto de presentación os ciclistas ven a seguridade de La Vuelta, o persoal dos estands publicitarios da village, escoitan a canción oficial da proba... Ven e respiran de novo o ambiente da carreira que coñecían, ou que descobren por primeira vez. A presentación sérvelles para meterse un pouquiño xa en carreira logo de dous días previos nos que se moveron á marxe dela máis aló de traballar sobre parte do seu percorrido. A saída comeza a tomar forma.
Ver a presentación en vivo
Cara ao afeccionado a presentación é onde mellor vai poder disfrutar de todo o pelotón. De cada equipo individualmente. O ideal é facelo en directo. Se tes a posibilidade de entrar na zona da presentación, perfecto. Pola televisión non se vai vivir igual. Creo que hai unha zona de libre acceso para que calquera poida disfrutar do acto á marxe dos seus invitados. O ano pasado en Pamplona foi así. Animo a quen poida a que disfrute da de hoxe na Illa da Toxa.