Así se levantou a central de Belesar

ALFREDO PARDO CHANTADA

FIRMAS

ARCHIVO DE ALFREDO PARDO

O maior encoro do Miño foi todo un reto tecnolóxico resolto co traballo de miles de persoas

10 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1943 Pedro Barrié de la Maza, presidente do Banco Pastor e futuro Conde de Fenosa en 1955, funda Forzas Eléctricas do Noroeste Sociedade Anónima (FENOSA). O empresario coruñés recibe en Vigo o 18 de Xuño de 1949 unha homenaxe pola súa traxectoria no desenvolvemento industrial galego e anuncia publicamente a inmediata construción do Salto de Belesar, o que será o maior de España cunha capacidade de 223.000 cabalos.

O promotor, para adquirir o pazo de Pardo Bazán mediante subscrición popular para residencia estival de Franco, inicia o seu discurso en Vigo sinalando que «cando o Caudillo chega ao pazo de Meirás para descansar, a súa primeira pregunta é: ¿como van as obras hidroeléctricas de Galicia?». E engade: «Atopamos a máis decidida axuda no Xeneralísimo Franco, atento a todo canto signifique progreso e benestar».

Sobre a mesa do enxeñeiro Luciano Yordi de Carricarte, medalla de ouro ao Mérito concedida polo Concello da Coruña en 1962, as características técnicas do proxecto de Belesar esixen unha gran calidade de execución nas cargas de rotura e dispersións nos formigóns. O fiel colaborador e director na expansión hidroeléctrica de Barrié de la Maza nas presas do Eume, Velle, Castrelo do Miño, Frieira, Albarellos, Salas e Regueiro, inicia xunto ao arquitecto e militar Juan Castañón de Mena as directrices que habían de marcar o volume de obra a realizar.

Empezou un 19 de agosto

A pegada do movemento comeza o 19 de Agosto de 1957 cos accesos, instalacións previas e desvío do río, levado a cabo en agosto de 1958 e que deixará baixo as augas Portomarín, San Vicente de Mourello, Porto, Pincelo, Ferreira, Leixón, Ribas do Miño, San Xoán de Loio, Santa Marta, Riobó e Barco. Só o vello Portomarín medieval -que fora declarado conxunto histórico-artístico por decreto de 9 de febreiro de 1946 e con forte arraigamento en función no tránsito de peregrinos a Santiago de Compostela- cambiaría o seu emprazamento a cincocentos metros do seu lugar habitual.

O gabinete técnico de Fenosa realiza en 1955 o proxecto de execución do Novo Portomarín. Para a resolución da obra, os arquitectos Francisco Pons Sorolla e Manuel Moreno Lacasa, deciden construír en Monte do Cristo o novo poboado, trasladando por numeración pedra a pedra a igrexa románica de San Xoán, monumento nacional dende 1931 e coñecida tamén por San Nicolás, a chamada Casa do Xeneral e outros monumentos, desembolsando a empresa responsable cincuenta millóns de pesetas.

A pétrea materia pendente do Novo Portomarín finaliza o 11 de Febreiro de 1965. As novas casas coa «rúa central ao estilo galego» con soportais de pedra, engaden ao terreo o clube fluvial onde se instala a Escuela Nacional de Piragüismo da Organización Juvenil Española e o Parador de Turismo, sendo concedida á vila o primeiro premio no denominado concurso de embelecemento e coidado dos pobos, que foi dotado con 25.000 pesetas.

Os elementos básicos de construción do Salto de Belesar continúan en setembro de 1958 coas excavacións da presa. O formigonado iníciase en decembro de 1959 e acaba 36 meses despois, en novembro de 1962. Para a fase previa preparáronse unha rede de doce quilómetros de estradas de acceso á obra, nas que foron proliferando diversas dependencias e instalacións auxiliares: poboado para aloxamento do persoal, oficinas, residencias, almacéns e talleres. Nesta encrucillada de produción loxística, dá comezo a excavacións ao descuberto, así como as subterráneas para tomas, central, túnel de acceso, túnel de descarga...

Nove barracóns e un chalé

A actividade crepuscular na preparación da canteira para a extracción de áridos configura o compoñente esencial de subministración ao xigante de bóveda de dobre curvatura. A canteira explotaba dúas bancadas de 250 metros de fronte cada unha, e altura media de cincuenta metros, a un ritmo máximo de extracción de 95.000 toneladas ao mes. Tras un esmagamento primario, o material era transportados en cintas de 297 metros de longo a un silo con capacidade de 30.000 toneladas. Nese lugar, os químicos analizaban escrupulosamente o cemento e formigón antes da súa utilización no coñecido popularmente como palomar, pola súa similitude na construción pombal.

A interconexión de dispersión obreira no seu factor humano, vén rexistrado polo brotar dun efémero poboado onde máis de 2.000 persoas durmían e comían a pé de obra. Nove barracóns, estructurados en vivendas de dúas plantas con liteiras para peóns e habitacións para oficiais, enfermería, cociña, comedor e duchas. Con vixilancia e control vintecatro horas dos chamados «barraconeiros». Residencias para os montadores e axudantes -enxeñeiros, oficiais-, peritos e persoal que viña do estranxeiro. E para Benigno Quiroga, director xerente de Fenosa, un chalé nas inmediacións do Salto con camareiro ao seu dispor.