A Carballeira de Cudeseira acollerá este sábado a máis dun milleiro de comensais, moitos chegados dende Bilbao
30 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Levan anos residindo fóra do municipio agolense e asistir ás festas patronais do Faro, na honra a María Auxiliadora e María do Amor Hermoso, que se celebran todos o 8 e 9 de setembro lles resultaba tarefa imposible. Motivo suficiente para que a parroquia de Ventosa (Agolada) decidise argallar unha festa adicada fundamentalmente aos seus emigrantes; a eses veciños que se marcharon na procura dun futuro mellor pero que continúan mantendo estreitos lazos coa terra pero que por cuestións laborais non poden estaren nas Festas do Faro; nos seus festexos.
Un evento que voltará a repetirse este vindeiro sábado, a partires das 13.30 horas, e que congregará a máis dun milleiro de comensais chegados dende distintas parroquias agolenses pero cun bo puñado de veciños emigrados fundamentalmente a Bilbao, Barcelona e Suiza. «De todos os xeitos moitos veciños de Ventosa tamén aproveitan esta festa de carballeira para xuntarse cos seus familiares xa que non o poden facer nas Festas do Faro ao teren todos festa nas casas. A Festa do Emigrante é unha ocasión única para ver a familias enteiras compartindo mesa e mantel», salientan dende a organización. De feito a catro días para que se celebre o evento hai numerosas reservas de mesas efectuadas. «Temos unha familia que fixo unha reserva para 150 persoas e o alcalde sempre xunta unhas duascentas ou duascentas cincoenta persoas. É unha festa moi apreciada polos veciños e ninguén a quere perder. Se alguén desexa vir á festa e aínda non fixo a súa reserva de mesa pode facelo a través do teléfono 986 788 064. De todos os xeitos é convinte non agardar a última hora para facelo que logo veñen os problemas de espazo».
A festa, na que se servirán sardiñas de balde para todos os comensais, comezará ao mediodía coa música de dúas charangas: Ardores e Viño Blanco que serán as encargadas de amenizar a comida campestre e ás que se lles unirá a orquestra Fantasía pola noite. Por outra banda no recinto da festa, no medio da carballeira, haberá servizo de churrasco, polbo e viño para aqueles que o desexen. «A xente trae da casa as empanadas, os lacóns asados, tortillas... e logo ten a posibilidade de adquirir no recinto uns platos de pulpo, racións de churrasco... É unha festa moi familiar».