«Non son unhas vacacións a Kerkrade. É ir a tocar»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

O responsable da formación defende o desprazamento dos músicos a Holanda malia a difícil situación económica

24 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Banda de Música de Lalín viaxa cara Holanda -xunto a unha vintena de simpatizantes- para participar o vindeiro domingo no World Music Contest, o prestixioso certame internacional que se celebra na localidade de Kerkrade. Con anterioridade ofrecerá un concerto de música española, para o que está vendido a totalidade do aforo.

-É consciente de que en determinados círculos se critica este desprazamento ao estarmos azoutados pola crise...

-Sei que hai quen critica esta viaxe pero ir a Kerkrade é coma ir ás olimpiadas de música e pón de relieve o traballo feito pola banda nos últimos anos. É preciso lembrar que nos convidaron a ir e que non son unhas vacacións a Kerkrade para os 95 músicos que se desprazan a Holanda. É ir a tocar, e facelo ben, o mellor posible. Somos conscientes de que isto foi unha aposta de risco ao estaren as administracións como están pero os músicos foron deixando unha parte do que percibiron por distintas actuacións para este desprazamento. É unha viaxe austera. Cando estivemos anteriormente en Kerkrade fomos en avión e, nesta ocasión, son vinte horas de autobús. Imos dignamente pero gastaremos menos.

-¿Realmente é tan prestixioso este certame como se comenta?

-É dos máis importantes do mundo. Leva celebrándose todo o século pasado e este. É un certame que se emite en directo a través da páxina do certame e da radio nacional holandesa; e todo iso nun pobo de 40.000 habitantes. Non estamos a falar dunha gran capital.

-¿Que lle reporta á banda o participar no World Music Contest?

-Reporta experiencia e moito sacrificio. Os músicos van a traballar. Chegaremos hoxe e por diante están os ensaios de cara ao concerto de zarzuela e de música española do venres. A xornada do sábado voltará a estar adicada aos ensaios para competir posteriormente o domingo nas mellores condicións posibles. Tempo para pasear quedaralles ben pouco. Si que van a convivir con outros moitos compañeiros músicos doutros países.

-¿É posible facerse co primeiro premio?

-É díficil. Na nosa categoría temos a unha banda holandesa e outra belga. Unha foi a que gañou no 2009 e a outra foi finalista no 2005 e 2009. A nosa misión é tocar ben e deixar ben ao pobo de Lalín, que é o que representamos. Está claro que se nos alzamos co primeiro premio moito máis contentos imos a voltar. Xa veremos o que pasa. Conformámonos con tocar ben e que os asistentes constaten que en Galicia se fai boa música.

josé quintá presidente da banda de música de lalín