El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
A falta de información foi fundamental para chegar á situación actual
14 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Nestes últimos meses, dende marzo, un bo número de veciños da comarca de Bergantiños están a recibir unhas cartas certificadas da Facenda Pública Estatal, a AEAT. Os destinatarios das mesmas son os emigrantes bergantiñáns que están percibindo pensións de países europeos e Facenda reclámalles que presenten as declaracións da renda desde o ano 2008 e que declaren polos ingresos que perciben.
¿Que di a normativa da declaración da renda?
A lei estatal que está vixente respecto da declaración da renda é a Lei 35/2006 do 28 de novembro, e o regulamento que a desenvolve recóllese no Real Decreto 439/2007. Nas dúas normativas indícase que todos os contribuíntes deben incluír nas súas declaracións da renda «todos» os ingresos que perciben, aínda que procedan de pagadores situados no estranxeiro.
¿Deberían ter declarado os emigrantes as pensións que percibiron e perciben?
En xeral, si deberían declaralas. As pensións que se perciben de países como Suíza, Alemaña ou Francia, en xeral non tributan naqueles países e polo tanto si deberían declararse e tributar en España.
¿Por que os emigrantes non declararon os ingresos das pensións do estranxeiro?
Os motivos foron varios. Por un lado, esas pensións non figuraban nos borradores que emitía Facenda; por outro lado, ó non figurar nos borradores, tanto Facenda como os profesionais podían descoñecer eses ingresos e informaban a contribuíntes e a clientes de que non tiñan obriga. Tamén é un motivo importante a idea de que ata certo importe (22.000 euros) non é preciso presentar a declaración da renda. E, por último, a suma dos motivos anteriores puido dar lugar a que se en Facenda non figuraba o importe das pensións e ademais non se percibían máis de 22.000 euros o contribuínte tivese máis fácil decidir non declarar eses ingresos ou simplemente non presentar a declaración.
¿Que consecuencias derivan de non ter presentado as declaracións?
En primeiro lugar debemos saber que dende o 30 de xuño pasado prescribiu o exercicio 2008 e Facenda xa non nolo pode reclamar. Pero todos os outros exercicios (2009, 2010, 2011 e 2012) pódenolos reclamar, e se recibimos unha carta certificada de Facenda teríamos que pagar a cantidade que xa correspondese naqueles exercicios máis os intereses e máis un recargo un pouco inferior ó 30 %. Se o contribuínte decidise presentar xa as declaracións antes de que lle chegue a carta certificada de Facenda o recargo sería do 20 % para os exercicios 2009, 2010 e 2011 e, ata o 30 de setembro do 2013, do 5 %.