A sociedade leva unha década completamente paralizada
25 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A comezos de ano, un grupo de veciños de Taragoña decidiron devolverlle a actividade ao centro cultural da localidade, un edificio cun pasado brillante pero que levaba practicamente unha década pechado a cal e canto. Coa axuda de varios compañeiros de viaxe, Tomás Suárez Tarrío púxose á fronte dunha entidade que ten como obxectivo fundamental revitalizar unhas instalacións que no seu día foron levantadas co esforzo e a ilusión dos cidadáns. O novo presidente da sociedade é consciente de que recuperar a confianza da xente é fundamental.
-¿Que pasaba ata hai uns meses co centro cultural de Taragoña?
-Pois que estaba sen actividade algunha. Empregábano algunhas asociacións para reunirse e realizar actividades puntuais, pero nada máis. Por iso decidimos asumir as rendas da entidade. Queremos devolverlle a vida ao centro cultural de Taragoña, lograr que sexa de novo un edificio cheo de actividade.
-De feito, xa empezaron a darlle contido...
-Si. Xa se están impartido diferentes obradoiros, entre eles, de guitarra, batería, pintura, xadrez e manualidades.
-Levaron a cabo unha campaña de captación de socios, ¿como respondeu o pobo?
-Ata o de agora conseguimos medio cento de socios, pero hai que ter en conta que estamos empezando. No pasado, o centro cultural de Taragoña chegou a contar con máis de mil socios.
-¿Con que atrancos se está atopando esta nova directiva para devolverlle a actividade ao centro cultural?
-O máis difícil é lograr que a xente confíe, que se convenza de que realmente imos facer algo. A día de hoxe, non vemos aos veciños con gañas de participar. Foron moitos anos de parálise e hai un descontento e unha desilusión enormes.
-¿Que os levou a emprender esta loita?
-Taragoña necesita un centro cultural activo, pois os veciños, para participar en calquera actividade, víanse obrigados a saír da parroquia; mentres que, cando nós eramos pequenos, acudiamos aquí a un montón de clases. Ademais, hai que ter en conta que temos unhas boas instalacións que son froito do esforzo que puxeron un grupo de veciños hai vinte anos. Non podemos permitir que o edificio remate completamente arruinado.
-Porque, algunha que outra deficiencia xa presenta, ¿non é así?
-Si, as instalacións están agora un pouco deterioradas. Hai cristais esnaquizados, plaquetas rotas e problemas de humidades. O noso obxectivo é arranxar todo isto, pero precisamos fondos e, sen socios, non podemos conseguilos.
-¿Ven viable, a medio prazo, asumir estas reparacións?
-A nosa intención é esa. Pretendemos darlle ao edificio un lavado de cara e mantelo en condicións. Temos pensado tamén, aínda que iso sería xa un proxecto a máis longo prazo, dotalo de ascensor, pois iso permitiría tamén organizar actividades para o colectivo da terceira idade, xa que o inmoble ten moitas escaleiras.
tomás suárez presidente do centro cultural de Taragoña