O cumio que divide Malpica e Carballo está cheo de lendas antiquísimas
24 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Cóntanos o profesor Xelucho Abella, na súa obra A cidade maldita que, «na Noite de San Xoán, reúnense na Aira das Meigas ou Circo dos Xogos, no cumio do Monte Nemio (como lle coñecen no Castro de Brión) ou Neme, as vintecatro principais bruxas da volta: veñen voando nas súas vasoiras dende a Terra de Xallas, a súa morada, xa que Santa Comba fora unha feiticeira arrepentida.
Polo camiño, páranse a lavar e enfeitarse na Fonte das Meigas, no lugar de Rabo do Lobo (Tordoia), na Fonte de Amén Xesús (Entrecruces) ou no río de Maghares (Tella). As bruxas tratan de safar a igrexa de Santa María de Ardaña, onde San Vicente quita o meigallo. Xa chegadas ao Neme, descansaban nuns pousadoiros de pedra en círculo e, tras bicarlle o cu ao Gran Buco ou castrón, é dicir, ao demo, bailaban e contaban as súas falcatruadas, premiando a aquela meiga que fixera a maldade máis grande e poñéndose de acordo nos encantos que ían facer ata a próxima xuntanza». Engade Xelucho «que un veciño dunha parroquia lindeira disfrazouse de meiga para poder asistir ao aquelarre e o castrón ou demo picaba o cu de cada meiga cunha subela, ríndose cada unha delas, mais, ao tocarlle a quenda ao intruso, este berrou, quedando descuberto: daquela, as meigas déronlle semellante malleira que o deixaron coxo para o resto da súa vida».
Os veciños de Aviño (tanto do Lugar de Abaixo e do Outeiro como do Lugar de Arriba) e de Brión (tanto do Castro e A Devesa como do Quinteiro e Lugar de Abaixo ou das Camposas e Lugar de Arriba) confirman estas palabras: «Era un prado circular, onde, de tanto bailar as meigas, non medraba nin trigo nin toxo: só unha herbiña cativa e moi fina». Ou: «Había dúas pedras, unha grande e outra pequena. Debían ser unha para a bruxa grande e outra para a bruxa pequena».
Para acristianar a Aira das Meigas, ergueuse a capela de Santa Cristina (aparece o nome ilexible na visita arcebispal do cardeal Jerónimo del Hoyo, en 1608), cuxas ruínas aínda lembraban os máis vellos na época anterior á explotación do wolframio no Neme. Ao redor da capela, xunto a Fonte da Santa, medraba unha herba que quitaba o mal de ollo e a propia auga da fonte tiña propiedades curativas.
Pensemos que, na tradición galega, Santa Cristina de Castro Mao, en O Incio, fora unha moura feiticeira, ameazada por Xesucristo («Enmeigar, enmeigarás, mais no meu Reino non entrarás»), o mesmo que Santa Comba, e que os pasos estreitos e perigosos foron conxurados con esta advocación: o vello camiño da Trabe ata Anllóns de Riba, agochando o Rego Furado e mailos seus espíritos, cruza Santa Cristina, por onde o propio río Anllóns forma un traizoeiro remuíño. A ría do Burgo, onde a barra areosa que beirea a súa falsa corrente leva, así mesmo, o nome desta santa...
Agardemos que o vindeiro sábado 29 de xuño, ás 18,30 horas, no local da Casa dos Veciños de Leiloio, Malpica, nos amplíen información sobre estas historias do Nemio ou Neme?
crónica histórica