Entre os moitos fitotopónimos que temos en territorio galego, están os referidos á ameixa, coñecida como Damascena pruna, froito que lembra a poboación siria da exótica Damasco, a cidade máis antiga do mundo habitada sen interrupción. Así, atopamos Meixide e Ameixenda, con igual sufixo, pero cunha nasalización nesta última, que así mesmo está presente nos dobretes Fontela/Fontenla ou Abeleda/ Abelenda. Meixoeiro, Meixueiro e Meixán, tamén bastante frecuentes, proceden da evolución galega do étimo latino mansionem, «lugar de pousada, habitación» e, por extensión, «lugar para protexer o gando». Menos habituais son os topónimos que aluden ao molusco que coñecemos como ameixa. Indo de Ribeira a Aguiño, no lugar de Mosqueiros, parroquia de Castiñeiras, temos unha punta e unha praia que ben poden recordar a abundancia de bancos do bivalvo. Ameixida é unha fermosa perla do colar de praias que adornan a nosa costa: de areas limpas e augas tranquilas, pero urbana e ben equipada de servizos.