«Seguramente deixarei o Concello e a Deputación no ano 2015»

La Voz

FIRMAS

21 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

PSOE e BNG pediron formalmente a súa dimisión como deputado provincial e como alcalde de Barbadás, pero José Manuel Freire Couto non pensa facelo, polo menos de momento:

-Que pidan iso é normal. A oposición non me ten ganado durante 28 anos e saben que esta maneira é a única que teñen de ganar aquí. Eu ireime cando o considere oportuno non cando mo diga a oposición.

-¿Será a renuncia ao Inorde o primeiro paso dunha retirada total no ano 2015?

-Pois seguramente. Home, non hai nada escrito, pero seguramente, si.

-¿Como está a levar a atención mediática que está a recibir nas últimas semanas?

-Considero que é un acoso e loxicamente non o levo ben. E a miña familia moito peor porque moitas veces saíron implicados familiares meus que non teñen nada que ver. Que me impliquen a min, José Manuel Freire Couto, que son alcalde, paréceme ben, pero que impliquen ao meu entorno...

-¿Teme que se lle recorde como un político corrupto?

-Si, porque realmente non teño esa sensación. Todo o máis lonxe da realidade. Mira, eu son un político que leva 26 anos xestionando recursos públicos e ata o día de hoxe ninguén me tivo que dicir nada e espero que ninguén me teña que dicir nada por iso. Que o fixera mellor ou peor, todo é discutible, pero eu podo presumir de que o Concello de Barbadás era o último da provincia e agora ten máis de 10.000 habitantes, é punteiro en toda Galicia e non ten ningunha débeda.

-Sen embargo, din que utilizou o seu cargo para beneficiar urbanísticamente a vostede mesmo e aos seus familiares.

-Para nada. Eu, como un cidadán máis de Barbadás, tiña propiedades aquí e unhas se beneficiaron e outras non, pero nada máis. Aquí o que se fixo foi sempre dentro do plan xeral. Unhas persoas saíron beneficiadas e outras non. Ata algún da oposición saíu beneficiado, pero é que é normal. O crecemento abarcounos practicamente a todos os que eramos de aquí, de Barbadás.