Entre familiares de primeiro grado non pode haber relación sexual, porque nacen os nenos con rabo de Iguana, segundo a señora Úrsula, a matriarca dos Buendía. E sen embargo, o mozo máis guapo do mundo era fillo dun incesto. Adonis, adorado desde antigo e representado baixo todas as poses que nos imaxinemos, é froito da pecaminosa relación cometida por Esmirna, tras seducir a seu pai na escuridade dunha noite de borracheira, sen darlle tempo a preguntar quen anda aí, e provocando no varón tal noxo coa resaca, que a perseguiu armado de fusta e coitelo para esfolala, se antes a súa deusa protectora non a camufla nunha árbore de mirra, de onde, ó seu tempo, saíu o cativo, tan guapo que ata a mesma Afrodita se namorou del, agochouno nunha caixa e deullo a Perséfone para que llo custodiase.
Para dar unha lección ou prever contra a inmoralidade, os mitos son algo arrevesados, pois todos sabemos que as relacións incestuosas só están reservadas para o pedigree de cans e cabalos, e nos poucos sitios en que se permitía, esta limitábase á realeza, por motivos de liñaxe. Tampouco a Igrexa permite este tipo de relacións, a pesar de que o misterio de nosos primeiros pais segue aí, rodeado de múltiples interpretacións para xustificar que nin Adán nin Eva cometeron nin permitiron o incesto na súa familia. E asemade, por moito que nolo explican os antropólogos e etnógrafos, semella unha contradición iso de advertir, nas aldeas galegas, de catro casa e familias numerosas, contra quen busca parella fóra, con aquel refrán de: ?o que fóra vai casar chata leva ou vai buscar?.
O caso é que Adonis fíxose mozo e era o candidato ideal para presentarse a un deses anuncios pedindo un comercial, baixo a condición indispensable de ?boa presenza?, marxinando ós maduros, coxos e birollos. Tan adorado era aquel Adonis, que na antiga Grecia as mozas dedicábanlle xardíns onde, a mediados do verán plantaban grans de cereais que, se ben nacían axiña, tamén axiña morrían, dándolle pé as devotas damas para ter un motivo polo que chorar e lembrar o efémero da beleza, e o pouco que dura a máis fermosa idade que a natureza nos permite. ¿E que podían facer elas, vulgares mortais, se ata entre Afrodita e Perséfone se disputaron a posesión daquela perecedoira fermosura, elas que eran eternamente belas?.
Cóntase que cando a deusa dos mortos abriu a caixa da custodia e o viu, negouse a desprenderse del, presentando litixio ante as autoridades do Olimpo. Adonis (ou a beleza) xa era desde ese intre un obxecto do amor e do odio, do desexo, da posesión e da vinganza. E procurando a paz e a equidade, o tribunal divino resolveu que o mozo pasase catro meses con cada unha delas e o resto con quen el quixese. E claro que, de escoller, tamén el preferiu á fermosa Afrodita antes cá señora do mundo dos mortos por moi guapa que fose, o que acendeu os ciúmes de Perséfone. E como a beleza provoca a ansia de posesión a toda costa, mercada ou seducida, a ofendida Perséfone, fiel a esa máxima de amantes ofendidas: Nin para ti nin para min, buscou a complicidade dun amigo que, disfrazado de porco bravo o investiu ata matalo.
Así de tráxico pode ser nacer guapo.