Recoméndame Xulio as relecturas, porque de cando en vez, volver a encontrarse co coronel Aureliano Buendía, con Lituma, don Quíxote, a Maga ou Leopoldo Bloom é como encontrar a un vello amigo con quen relembrar pasadas emocións, con quen falar de novo repousadamente, encontrando nas súas palabras e nos seus feitos algo que se nos pasou no seu día, tal vez porque eramos demasiado inocentes ou inexpertos. Recoméndame Xulio a relectura porque non se ve nin se le do mesmo xeito desde un butacón orelludo ca desde un tren en marcha, canto tes vinte anos ca cando tes cincuenta. E debe ser por iso que volvín a esa xoia da literatura que é o Cousas de Castelao, unha peciña que se le en media tarde, entre a hora do café e a do té, e fíxome hoxe (será porque este ano se homenaxea a un home de teatro na festa das letras) nesa proposta que o autor fai dunha peza de teatro en dous actos, para manifestar como a sociedade se divide en dúas clases: os de patio de butacas e os de galiñeiro.
Para quen non a lembre, a peza resúmese en situar sobre o escenario a corte dunha casa labrega, na que hai unha vaca morta, e ó seu redor unha familia chorando con frases que fan rir, choros que resumen a morte dunha vaca como a maior desgraza do mundo, tales como: «E vaste, alegría da nosa facenda», «Adeus, consolo da miña alma», «¿Que vai ser de nós sen ti?, fartura da nosa casa», e outras polo estilo, o que fará rir ós do patio de butacas, mentres que os do galiñeiro, entendendo a dor amosada, ficarán tristes. No segundo acto o escenario será o salón dun pazo vilego, no medio do que está, sobre unha bandexa de prata unha cadeliña morta, e ó redor toda a familia chorando por ela con frases iguais de sentidas ou semellantes ás dos labregos da escena anterior. Imaxínase o autor, que diante de tal choqueirada todo o patio de butacas sentirá a dor que amosan os actores, mentres que os do galiñeiro se botarán a rir.
Así resume Castelao a súa peza en dous lances, tal vez a máis simple peza que se teña ideado, pero tamén chea dunha tráxica sorna, cunha carga social que moi poucas veces se ve. Unha peza na que, evidentemente, o actor principal é o mesmo público.
E como a relectura tamén trae novos puntos de vista e axuda a entender as novas escenas que se dan na vida, esta semana pasada escoiteille a un coñecido parlamentario facer un simil parecido, trocando o teatro pola narrativa, pero desde a súa profesión de médico para referirse á situación dentro da Europa dos recortes e o goberno dos decretos.
Imaxinádevos a un daqueles médicos medievais chamado á casa dun nobre, un conde, por exemplo, moi enfermo, a quen o galeno, despois de meditar sobre o mal que ten, sacando o seu frasco de samesugas, aplícallas polo corpo para que lle chupen o sangue. Como o nobre non amosa melloría, ponlle máis bechos, ata que o enfermo acaba coa cor da ictericia e morrendo. Daquela, a xustiza seguramente lle pediría contas e non tardaría moito en condenalo á pena capital. Pero do mesmo modo, se en vez dun nobre é un rústico quen chama a ese médico, que aplicando o mesmo método unha e outra vez acaba matando ó paisano, a mesma xustiza do condado acabaría xustificándoo con esa frase tan nosa: Estaba de Deus.