«O funcionario é responsable a pesar dos cabreos que poida ter»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Mouteira tomou posesión do cargo hai un mes.
Mouteira tomou posesión do cargo hai un mes. santi m. amil< / span>

Arranca máis confiada que en Educación, da que «non coñecía nada»

10 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Foi delegada de Xustiza con Fraga e xefa territorial de Educación con Feijoo, que a recuperou hai un par de semanas como máxima responsable en Ourense da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Este baile de responsabilidades, cree Marisol Díaz Mouteira (Ourense, 1967), explicase na «ilusión e traballo» que pon ás súas responsabilidades. «Empecei en temas de xustiza porque son licenciada en Dereito. Posteriormente, pola relación co conselleiro [Jesús Vázquez], embarcámonos niso que si era unha aventura, porque eu de Educación non coñecía nada. Había un equipo estupendo que en todo momento me facilitaron o traballo porque eu cheguei e cando me falaban dun CEIP ou dun IES case non sabía o que eran», explica.

-Chega a Presidencia nun momento complicado nas relacións co persoal da Xunta, con protestas dos funcionarios de Xustiza, por exemplo. ¿Como o enfronta?

-En temas de persoal podemos dicir que veño con callo (sic), bregada tamén co persoal de Educación, que é amplísimo. Pois agora, o mesmo. Hoxe en calquera xefatura territorial ou en calquera administración o persoal está molesto polos problemas que lle poden afectar. A cada un dóelle o seu, pero a única pretensión da Xunta é racionalizar.

-¿Nese proceso non se porá en perigo a calidade dos servizos que se lles prestan aos cidadáns?

-Estou convencida de que non. No que eu coñezo, a xente é atendida perfectamente. Melloraron moito os sistemas informáticos e iso tamén facilita o traballo do funcionario e, ao mesmo tempo, quen se vai beneficiar é o usuario. Ademais, penso que o funcionario é responsable a pesar dos cabreos que poida ter.

-Un dos principais retos do seu departamento é o novo Pazo de Xustiza. O conselleiro dixo que a obra cumprirá os prazos previstos, ¿será así?

-Eu coñecino cando veu o conselleiro hai unhas semanas e volvemos a estar uns días despois alí para repensar a planta da Fiscalía porque había pouca luz. Os traballos van a bo ritmo e a pretensión é que quede rematado no primeiro trimestre do ano que vén.

-A Xunta fala de fusionar concellos, o Goberno de retirarlles competencias. Vostede, responsable tamén de Administracións Públicas, ¿que opinión ten sobre o futuro das entidades locais?

-Eu penso que todos os concellos desempeñan un labor importantísimo, independentemente do número de habitantes. Eu penso que se deben manter porque son o primeiro recurso dos cidadáns. Calquera reforma que fagamos na administración debe ser en beneficio do cidadán. Entón, debemos manter o primeiro recurso que teñen ao lado, que son os alcaldes, os concelleiros e a propia infraestrutura municipal, que é a que lle pode solucionar os problemas.

-Pero hai algúns concellos que están vivindo unha grave situación económica.

-Si, pero eu penso que eses problemas foron un problema xeneralizado de toda a administración porque toda a administración está mal evidentemente. É certo que non todos os concellos poden ofrecer todo tipo de servizos. Con isto estou dando a miña impresión particular, pero penso que non todos os concellos poden ter un tanatorio, por exemplo. Teñen que manter servizos que poidan manter e con calidade para os cidadáns.

marisol díaz mouteira xefa territorial da consellería de presidencia