Xián é a denominación dunha aldea na freguesía de Bealo, no concello de Boiro. A orixe deste topónimo pode explicarse con toda probabilidade a partir do antropónimo latino IULIANUS, á súa vez un derivado do nomen IULIUS.
Trátase dun nome persoal moi rendíbel na toponimia galega, sobre todo a través do seu uso haxionímico: así, do sintagma SANCTI IULIANI coñecemos resultados actuais como Illán (con perda do elemento inicial Sant-), mentres que do caso recto SANCTU IULIANU podemos anotar exemplos como San Xiao, Sanxillao, etcétera.
No caso que nos ocupa quizais sexa máis verosímil pensar no nome dun antigo posesor, mais a dificultade xorde á hora de establecer a base etimolóxica concreta, pois no galego occidental confluíron os resultados das terminacións latinas ?ANU e ?ANI.
Así, o topónimo Xián tanto pode proceder dun antigo (UILLA) IULIANI (do que temos, por exemplo, o topónimo Xillán no termo lugués de Chantada) como de (UILLA DE) IULIANU, mais, atendendo á cronoloxía da toponimia galega, a segunda destas opcións sería máis recente no tempo.