A secuencia de 67 gravuras con forma de pé aparece nos petróglifos da Carballosa
26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Recentemente redescubertos e obxecto de atención mediática, foron dados a coñecer os petróglifos da Carballosa, ou rego Batán; trátase dun conxunto de motivos repartidos por catro rochas, onde se poden distinguir arredor de 67 gravuras con forma de pé (pegadas), plantae pedum ou podoformos, e varias coviñas de distinto tamaño.
Resulta curioso a aparente vinculación que presentan estas pegadas con certos ritos pagáns, que xa tiveran ocasión de seren tratadas no sínodo de Zaragoza (ano 380), no que bispos da península e sur da actual Francia adoptan unha serie da canons (leis) para intentar radicar a influencia da herexía priscilianista; e un destes aspectos é o de ir cos pés descalzos «nudis pedibus incidere» como unha forma de mortificación. Segundo a ascese priscilianista, -é dicir, as prácticas espirituais coas que se busca acadar a perfección interior e afastarse do mundo dos instintos-, estas contemplaban a subida aos montes cos pés nus para orar.
Así mesmo, aparecen numerosas referencia en pasaxes da Biblia, como cando a Moisés se lle ordenou descalzarse ante a silva ardente; ou Isaías andou descalzo durante tres anos; ou cando Cristo lle pediu aos seus apóstolos que non levasen sandalias; ou o comentario do Ambrosiaster (libro anónimo que contén comentarios ás cartas de san Pablo) sobre Corintios no que gaba a vida virtuosa dos cristiáns descalzos que viven pobremente; ou Xoán Casiano (s. IV-V d.C.) cando sinala que os monxes exipcios se quitaban os zapatos para comulgar, que sen dúbida presenta certo paralelismo co costume actual de descalzarse para entrar na Mezquita para orar.
Simbolismo da ascensión
Outra das significación dos podomorfos poderiámola encontrar no simbolismo da ascensión, cuxo referente podemos velo nos «sapta padâni» ou pasos que levan a Budha á punta do mundo.
Doutra banda, e segundo textos antigos, ir descalzo era un requisito especial para a eficacia das oracións ofrecidas en tempos de seca, organizándose procesións rogativas como as nudipedalia onde unha parte da comitiva ían descalzos. Estarían relacionadas as Pegadas da Moura do Chan da Carballosa con esta práctica espiritual de mortificación -como exvotos ou alegorías- tendo en conta ademais que se atopan na cabeceira do río Batán? Recentemente tivemos ocasión de atopármonos con outra «pegada» nos chans onde nace o río Pérdigo Pérez; a mesma secuencia, gravado con forma de pegada emprazado na cabeceira do río. Tampouco se nos escapa a importancia da zona ao longo da Idade Media, pois non esquezamos que nas inmediacións se atopan os restos de dous posibles eremitorios, A Misarela e a Corte do Santo, xunto con algún outro vestixio.
Dicía Risco que cando hai un cambio fondo na conciencia do pobo, como acontece nos cambios de relixión, crébase a relación co pasado; prodúcese unha perda de significado, e unha transposición do sentido. Apliquemos ao principio da Navalla de Occam, que en igualdade de condicións, a explicación máis simple soe ser a correcta, xunto co rigor histórico, e quizais poidamos achegarnos a hipóteses máis verosímiles.
As pegadas que contén a pedra poden ter vinculacións con certos ritos pagáns